O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, explica que o Goberno galego e o Concello asinaron un convenio para reformar as instalacións, que acollen citas multitudinarias como a Moexmu e a Festa da Filloa
Lugo, 3 de abril de 2024. A Xunta achega 70.000 euros para renovar o recinto feiral municipal Manuel Vila de Muimenta, a través dun convenio de colaboración entre Turismo de Galicia e o Concello de Cospeito.
O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, explica que este acordo permitirá reformar as instalacións, que acollen citas multitudinarias como a Mostra Exposición de Muimenta -Moexmu-, que vén de celebrar a súa 39ª edición a pasada fin de semana; ou a Festa da Filloa, declarada de Interese Turístico Galego.
A actuación servirá para mellorar a estética e a funcionalidade deste espazo, co obxectivo de ofrecer un servizo axeitado aos usuarios dos expositores e aos visitantes.
Así, entre as obras que prevé executar o Concello co apoio da Xunta destacan a renovación do pavimento tanto na entrada como no camiño central; a colocación de nova iluminación; a substitución de peches e toldos; a instalación dun novo portón no acceso principal; a limpeza e pintado de fachadas; o acondicionamento de estruturas e cubertas dos postos e do palco principal; a instalación de dous aseos accesibles ao carón dos existentes; así como outros traballos para corrixir deficiencias que presenta o recinto.
Arias subliñou que deste xeito poranse en valor estas instalacións “para o uso da veciñanza e para recibir aos centos de visitantes que cada ano se achegan a Muimenta a desfrutar dos certames con gran poder de convocatoria que alberga este espazo”.