Site icon Crónica3.com A Mariña

A RAG difunde na Rede os guións coas colaboracións de Francisco Fernández del Riego para o ‘Galician Programme’ da BBC

Don Paco encargábase de procurar as colaboracións de figuras da cultura galega de distintas xeracións, desde Otero Pedrayo, Rafael Dieste e Pura Vázquez a Manuel María

A Coruña, venres 14 de abril de 2023. Ás 23:05 horas do 14 de abril de 1947, a radiodifusión en lingua galega inauguraba un momento histórico desde Londres. A BBC iniciaba aquela noite o Galician Programme, un espazo aberto á difusión da cultura e da lingua galega en pleno franquismo que se converteu na primeira programación estable no noso idioma. A sección española da BBC concibira a idea de producir programas que reflectisen a realidade cultural das comunidades históricas nas emisións para España e para facelos realidade confiou no ourensán Alejandro Raimúndez, que se incorporara á radio británica pouco despois de se exiliar en Londres. Para os programas en galego, Raimúndez contaría coa colaboración fundamental desde Galicia de Francisco Fernández del Riego. “El era quen canalizaba todo desde aquí, encargábase de solicitar a todas as figuras senlleiras do país a súa colaboración, e mesmo mecanografaba os textos”, apunta Antonio Raúl de Toro, autor de Galicia desde Londres. O volume recolle os guións daqueles espazos emitidos ata 1956, aos que tivo acceso a través do propio del Riego, quen lle facilitou o estudo dunha das copias conservadas, custodiada na Fundación Penzol. A outra está no arquivo da Real Academia Galega. Con motivo do Día das Letras Galegas que lle dedica este ano a don Paco, a institución comparte agora en copia dixital os textos dos programas que contaron con contribucións asinadas polo propio del Riego.

Antonio Raúl de Toro é especialista en literatura irlandesa e na recepción e no estudo da cultura de Irlanda en Galicia. A comezos dos anos 90 andaba á procura de documentación relacionada co seu campo de investigación cando bateu cos guións do Galician Programme. “Coñecín a Francisco Fernández del Riego na propia Fundación Penzol, que daquela dirixía, ao me interesar polos guións. El axudoume todo o que puido no meu traballo, non só me facilitou o acceso á documentación, tamén me deu información valiosa para o seu estudo”, conta o catedrático da Universidade da Coruña. O resultado publicouse, con limiar de Del Riego, no volume Galicia desde Londres. Galicia, Gran Bretaña e Irlanda nos programas galegos da BBC (1947-1956), levado ao prelo en 1994 pola editorial Tambre e reeditado por Edicións Galebook en 2013.

O investigador contactou coa BBC á procura das gravacións sen éxito. A corporación respondeulle que as destruíra anos despois para evitar ter que seguir a pagarlles dereitos a todos os traballadores que participaran neles, de acordo coa normativa vixente no momento da súa produción. Os guións son, xa que logo, o único material documental do que se dispón sobre aquela aventura radiofónica, que levou a lingua e a cultura galega aos fogares de calquera recuncho do país nun momento en que a ditadura as silenciaba ferreamente. “Estes programas son un documento histórico de gran valor, polo que supuñan de feito insólito, pois a lingua prohibida nos medios de comunicación do país podía escoitarse en todas as aldeas, vilas e cidades de Galicia ao sintonizar a BBC. Esas ondas de radio que chegaban aos receptores significaban un pouco de alento para tantos que arelaban o acordar do letargo de Galicia e a súa cultura. Visto deste xeito, os programas en galego da BBC contribuíron a manter a labarada viva da esperanza, na espera de mellores tempos”, valora De Toro no seu estudo.

Temas variados á marxe da política

Os guións chegaron ata a RAG e a Fundación Penzol grazas a Alejandro Raimúndez, quen exercía de editor e as máis das veces de presentador e locutor. Aquel 14 de abril de 1947 abriu o Galician Programme coa popular canción escocesa “Cock of the North”, a melodía de entrada ata a derradeira emisión. Nos peches escoitábase desde Londres o “Alalá de Bande”, a “Muiñeira de Cartelle” ou o “Pasacorredoiras de Arnoia”. Naquela estrea do 14 de abril de 1947 Alejandro Raimúndez deu axiña paso a Felipe Fernández Armesto, Augusto Assía, que abordou as relacións culturais entre Inglaterra e Galicia. O xornalista galego era un profesional recoñecido: colaborara nos anos vinte coa revista Nós e o diario El Pueblo Gallego, fora expulsado en 1933 polo goberno da Alemaña nazi e volvera ser correspondente en Reino Unido, desde onde cubrira para La Vanguardia a segunda guerra mundial.

“Os temas eran moi variados, algo elitistas pero francamente moi ilustrativos. Abranguían desde etnografía, historia, arte e literatura ata temas relacionados coa agricultura, a xeografía ou a música. Dadas as circunstancias políticas, todos eran de carácter cultural”, explica Antonio de Toro. Canto as sinaturas, no Galician Programme escoitáronse achegas escritas por figuras senlleiras de distintas xeracións como Ramón Otero Pedrayo, Ricardo Carballo Calero, Pura Vázquez, Rafael Dieste, Florentino López Cuevillas, Xosé María Álvarez Blázquez, Ramón Villar Ponte, Celso Emilio Ferreiro, Ánxel Fole ou Manuel María, entre outros. Firmaron en conxunto as máis de 80 colaboracións que se emitiron ininterrompidamente os luns cada tres semanas, xa que o Galician Programme se repartía o tempo dispoñible cos espazos dedicados a Cataluña e o País Vasco.

Cómpre salientar as contribucións do corcubionés Plácido Castro, traballador da BBC, que asinou textos divulgativos de once programas e que tamén adoitaba colaborar como locutor. Pero foi o propio Francisco Fernández del Riego quen máis escribiu. En total, unha ducia nos que abordou desde o celtismo na poesía de Eduardo Pondal, as figuras de Castelao e Manuel Antonio ou a relación de Lorca con Galicia e o galego ata as contribucións de Aubrey Fitz Gerald Bell como tradutor da literatura galega ao inglés.

O Galician Programme contou ademais con outras achegas foráneas como a da xornalista e escritora británica Nina Epton, nun programa sobre a súa viaxe a Galicia; e tres do profesor norteamericano Stephen Reckert. A última emisión, en xaneiro de 1956, preparouna, en directo, George Hills, director da sección española da BBC, fillo de nai de orixe navarra. Francisco Fernández del Riego recoñece no limiar de Galicia desde Londres o seu “inestimable apoio” para que durante nove anos “un son multivario de opinións” ecoase proveitosamente, “naquelas horas de mal agoiro, en beneficio do noso ser diferenciado”.

Exit mobile version