O evento inclúe, nesta nova edición, 12 representacións, encontros internacionais e accións culturais e pedagóxicas nos concellos de Foz, Mondoñedo, Barreiros, Lourenzá, Alfoz, Ribadeo e Cervo
Lugo, 26 de abril de 2023. O Deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón, vén de asinar un convenio de colaboración no Pazo de San Marcos co presidente da Fundación Xesús Bal y Gay, Enrique Rodríguez Baixeras, polo cal a institución provincial achega 12.000€ á organización do Festival Bal y Gay deste ano, que se celebrará do 11 ao 24 de agosto en diferentes escenarios emblema da Mariña. En concreto, nos concellos de Foz, Mondoñedo, Barreiros, Lourenzá, Alfoz, Ribadeo e Cervo.
Rivera Capón subliñou que o evento “converte á Mariña e á provincia de Lugo nun referente da música clásica, promovendo a formación e a difusión musical con concertos e experiencias artísticas onde a música comparte protagonismo coa nosa historia, paisaxe e patrimonio arquitectónico”.
Así mesmo, o Deputado destacou que esta cita “enriquece a oferta cultural e, ao mesmo tempo, dinamiza a economía da comarca, proxectando os seus atractivos”. Por iso, a Deputación vén apoiando desde os seus inicios este proxecto, xa que “responde á perfección ao modelo de turismo que impulsamos dende a Deputación, de calidade, sostible, de experiencias, que coida o noso patrimonio e que deixa valor no territorio en termos económicos e de emprego”.
Pola súa banda, o presidente da Fundación Xesús Bal y Gay destacou que esta cita musical, xa consolidada como un referente cultural de referencia, “vai máis aló dun festival de música clásica”, en tanto que contén “actividades complementarias de carácter formativo e educativo”.
O Festival Bal y Gay ofrecerá máis de doce representacións, encontros internacionais e accións culturais e pedagóxicas en espazos escénicos de todo tipo, desde emblemas arquitectónicos da Mariña, ata locais multidisciplinares, contribuíndo á dinamización do rural a través da cultura.
O ciclo Música á beira do mar ofrecerá, como na edición pasada e grazas ao éxito obtido, concertos entre 11 e o 24 de agosto, onde se poderá desfrutar de artistas habituais das grandes salas de concertos, como son o destacado cuarteto Casals e Quiroga, entre outros.
Ademais, a programación contará con dous concertos sinfónicos coa Orquestra Sinfónica de Galicia e a Real Filharmonía de Galicia. Tamén inclúe un coidadoso repertorio, desde o barroco máis temperán, ata música contemporánea, jazz e soul.
En canto aos escenarios onde terán lugar os espectáculos, destacan a Basílica de San Martiño de Mondoñedo, situada no municipio de Foz, e considerada a catedral máis antiga de España; o Teatro Pastor Díaz en Viveiro; a Catedral de Mondoñedo encomiada polas súas perfectas proporcións; o Pazo do Conde de Fontao; a emblemática Fábrica de Sargadelos; ou o maxestoso Mosteiro de San Salvador en Vilanova de Lourenzá, un referente do barroco galego e declarado monumento histórico-artístico no ano 1974; ou a Torre Fortaleza do Mariscal Pardo de Cela en Alfoz.