Site icon Crónica3.com A Mariña

A Deputación apoia a celebración de Expomar dentro do seu firme compromiso coa Mariña

A feira, que acada a súa 19 edición, prevé superar os 5.000 metros cadrados de espazo expositivo, entre a nave de redes e una carpa anexa ao porto, e contará coas principais firmas, fabricantes e administracións vencelladas ao sector

Lugo, 27 de abril de 2023. A Deputada de Economía, Recadación, Facenda e Especial de Contas, Mayra García Bermúdez, participou este xoves no Salón de Actos do Concello de Burela na presentación da Feira Monagráfica Naútico-Pesqueira Expomar, que se celebrará do 10 ao 13 de maio na localidade mariñá.

A cita, impulsada pola Fundación Expomar, conta coa colaboración económica da Deputación, “dentro do firme compromiso” da institución “coa Mariña e coa defensa da pesca na comarca. Da pesca como actividade comercial que xera unha importante aportación ó Produto Interior Bruto da nosa provincia, e tamén da pesca como un valor sociocultural, que representa un estilo de vida e de relación co territorio”. Fixo fincapé a Deputada en que “a pesca é gastronomía, cultura, tradicións e un patrimonio etnolóxico de primeiro nivel, que forma parte dos sinais de identidade da Mariña, e que temos que preservar e potenciar no futuro”.

Neste senso, sinalou que “Expomar é unha ferramenta moi importante nesa defensa, pola súa aposta pola modernización e por adaptarse ás novas tendencias do mercado, e pola súa capacidade de debate arredor das normativas legais que afectan ó desenvolvemento desta actividade”. Ademais, trátase dun foro “do que saen cada ano propostas construtivas e ideas que contribúen a mellorar o sector pesqueiro”.

Durante a presentación, García Bermúdez asegurou que Expomar “tense convertido nunha cita imprescindible, por suposto, na comarca da Mariña, pero tamén a nivel de Galicia e do conxunto do Estado”, polo que a Deputada felicitou á fundación promotora, ao Concello de Burela e ás institucións, entidades e persoas que fan posible estas xornadas.

Catro días de feira, xornadas e encontros

A Feira Monagráfica Naútico-Pesqueira Expomar volve tralo parón da pandemia renovando a súa aposta pola pesca e a naútica en Burela do 10 ao 13 de maio. A organización prevé superar os 5.000 metros cadrados de espazo expositivo para o que habilitará como recinto feiral a nave de redes e unha carpa anexa ao porto.

Durante os catro días de celebración o evento contará coas principais firmas, fabricantes e administracións vencelladas ao sector pesqueiro. O obxectivo é chegar ás boas cifras de negocio xeradas por expositores e visitantes profesionais durante a última feira do ano 2019, na que se acadron os 135 stands de expositores e máis de 350 marcas de diferentes países representados.

De forma paralela á feira, desenvolverase a 30 edición das Xornadas Técnicas e a 24 edición do Encontro Empresarial, dous eventos que ofrecen cada ano un valor engadido de interese para os profesionais e todas aquelas persoas vencelladas ó mundo do mar e da pesca.

Exit mobile version