Coa mobilización tamén se quere apoiar a loita do persoal do metal polo seu convenio
Lugo, a 10 de abril de 2023. A federación de Industria da CIG ten convocada unha manifestación de delegados e delegadas para o próximo xoves 13 de abril en Lugo en defensa do dereito a negociar en Galiza as nosas condicións de traballo e na demanda de salarios e convenios dignos. A mobilización sairá ás 11:00 horas de diante do local sindical (Ronda da Muralla, 58) e rematará na Praza de Santo Domingo.
A escolla de Lugo para realizar a manifestación, explica o secretario nacional da CIG-Industria, Xoán Xosé Bouzas Aboi ‘Tupi’, quere significar tamén un apoio ás traballadoras e traballadores do sector do metal e do comercio do metal da provincia que están en loita por un convenio digno e un incremento económico xusto.
Tupi recalca a aposta da CIG pola negociación colectiva como ferramenta fundamental da clase obreira para mellorar as condicións de traballo, máis aínda no actual contexto de empobrecemento dos salarios a causa do elevado custe da vida. Neste senso, subliña que nos convenios nos que o sindicato nacionalista é hexemónico “se producen avances nas condicións salariais e nos dereitos laborais”, pondo como exemplo o convenio de siderometal da Coruña e Ourense.
O secretario nacional da CIG-Industria lanza un chamamento ás traballadoras e traballadoras de Lugo e ao persoal do metal de Pontevedra, que tamén está negociando o seu convenio, a intensificar a resposta ante a patronal porque “só cando hai mobilización e conflito se producen avances reais”.
A este respecto, explica que, fronte as miserentas propostas económicas trasladadas pola patronal de Lugo na mesa de negociación, a CIG non asumirá ningunha incremento que fique por debaixo do IPC real “como referencia para garantir o mantemento do poder adquisitivo”, xunto cunha cláusula de revisión salarial aplicada ano a ano e o pago dos atrasos dende xaneiro. “Non imos asumir esas novas fórmulas de revalorización das que se fala no marco do AENC en Madrid que distorsionan a revisión salarial e supoñen empobrecer a persoas traballadoras”.
Nesta liña, insisten que, ante a extensión da pobreza salarial, a CIG-Industria aposta pola mobilización para que os convenios sexan negociados en Galiza, e que as traballadoras e os traballadores teñan capacidade de incidir e decidir sobre o que se negocia e unha maior capacidade de resposta diante a patronal.