Site icon Crónica3.com A Mariña

A CIG conmemora o Primeiro de Maio con manifestación en Burela baixo o lema “Paremos o saqueo! Emprego, salarios e pensións dignas”

A Mariña, 28 de abril, 2023. A central sindical rexeita as políticas económicas dos gobernos galego e español, incapaces de enfrontar a grave carestía da vida nin frear o aumento das desigualdades e da pobreza e fai un chamamento a mobilizarse en defensa dos servizos públicos, da recuperación económica, a industrialización e a creación de emprego digno na nosa terra.

Constata a CIG a preocupación pola espiral xeneralizada da suba dos prezos e da inflación, nomeadamente de bens e produtos básicos de consumo, que está a causar unha importante deterioración nas condicións de vida da clase traballadora e da maioría do pobo galego.

Moitas das medidas tomadas polos gobernos español e galego son reformas claramente lesivas e regresivas, feitas para satisfacer as duras exixencias da UE para recibir uns envelenados fondos europeos que están a hipotecar o noso futuro.

A nova reforma das pensións que amplía os recortes, negando o dereito a unha pensión digna, consolida as reformas anteriores e aumenta máis o período de cálculo, aos 29 anos -excluíndo os peores 24 meses-, afondando o resultado que levamos anos acumulando de caída nas contías das pensións, con especial afectación ás persoas menores de 50 anos. Esta reforma das pensións vén sumarse a última reforma laboral, aprobada sen derrogar as de 2010 e 2012, coa que, a un ano da súa entrada en vigor, baixo as novas formas contractuais seguen a medrar a flexibilidade, a inestabilidade laboral e os baixos salarios e avanza imparábel a precariedade.

Tamén son denunciables os beneficios millonarios que está obtendo o capital tirando proveito da inflación e da carestía da vida, como constatan os históricos beneficios da banca e das empresas enerxéticas, que non paran de medrar.

O goberno galego do PP está “entregado” a facilitarlle ao capital español e internacional todo tipo de negocios coa privatización dos servizos públicos, a eucaliptización do noso monte e consolidando un novo proceso de colonización enerxética, coa actual ofensiva eólica.

Por outra banda, a comarca da Mariña segue a ser ignorada polos orzamentos estatais e galegos que, a pesar da critica situación da industria, das infraestruturas e dos sectores produtivos, continúan mantendo a política de inversións cero.

Por todo isto a CIG chama á mobilización ante a patronal e ante os gobernos, para dar resposta a unha realidade económica e social extrema.

Mobilización do PRIMEIRO DE MAIO na Mariña

Este ano a manifestación do 1ª de maio da CIG terá lugar en Burela, con saída ás 12h do local sindical (Avda. Arcadio Pardiñas 137).

Exit mobile version