CIG-Saúde alerta do desmantelamento a “pasos de xigante” do hospital da comarca
A central sindical explica que, a falta de especialistas en Medicina Interna que vén arrastrando de xeito constante este centro hospitalario, 5 efectivos dos 10 existentes para atender urxencias, consultas externas e pacientes ingresados, sumado á alta ocupación de pacientes a cargo de Medicina Interna (ata 60 pacientes ingresados en días pasados), provoca que se incumpran os ratios recomendábeis para ofertar unha atención de calidade (8 pacientes por especialista), chegando a ter asignados cada un dos especialistas ata 19 pacientes por quenda, unha cifra totalmente inasumible que pon en risco a saúde tanto dos pacientes como dos propios profesionais.
Ante esta situación, a dirección do centro decidiu que o Hospital da Mariña, “non vai asumir máis de 35 pacientes ingresados polo que, a partires de aí, cada novo paciente a cargo de Medicina Interna que precisa de ingreso, derivase ao HULA e é por isto que, veciños e veciñas da Mariña, hoxe si e mañá tamén, sofren as consecuencias de ter que ingresar en Lugo ata reducir o número de ingresados ao máximo establecido de ocupación”.
A sobrecarga asistencial levou á fuxida de profesionais
O Hospital da Mariña leva anos cun importante déficit de persoal, tamén entre o persoal facultativo, que lonxe de arranxarse estase agravando cada vez máis.
A CIG ten denunciado en reiteradas ocasións que a sobrecarga asistencial á que a dirección somete ás traballadoras e traballadores, provocaron e provocan unha fuxida masiva de efectivos cara a outros centros sanitarios onde lles ofertan mellores contratos, respectan os seus dereitos, e poden desenvolverse profesionalmente. “A consecuencia directa desta política laboral da Xunta do PP é que a data de hoxe atopámonos sen persoal facultativo dabondo para cubrir as necesidades básicas en materia de saúde da comarca e que os pacientes que deberan estar ingresados no Hospital da Mariña atópanse a máis de 100 Km arrastrando con eles as súas familias”, reiteran.
Por iso, responsabilizan da situación sanitaria do Hospital á equipa directiva do centro e ao máximo responsable da Área Sanitaria Ramón Ares, “que dende o seu despacho situado no HULA ignora as necesidades en materia de saúde da poboación da Mariña”
Unha vez máis dende CIG Saúde A Mariña berramos aos responsables desta situación “solución ou dimisión”.