Lugo, 25 de abril de 2023. Usuarios e usuarias da Asociación de Saúde Mental da Mariña, de Cervo, e a Asociación de Mulleres A Casiña, de Lugo, participan esta semana no programa de viaxes da Deputación de Lugo Coñece a túa provincia. Arredor de 50 persoas coñecerán entre hoxe, martes, e o mércores o territorio da provincia a través deste programa destinado a entidades sen ánimo de lucro co obxectivo de fomentar o turismo de proximidade.
Os primeiros en facer a visita este martes son a Asociación de Saúde Mental da Mariña, de Cervo. Visitarán o Centro de Interpretación Terras do Miño, de titularidade provincial, e, posteriormente, achegaranse aos concellos de Guitiriz e Friol, onde coñecerán a ponte e igrexa de San Alberte, a fonte de Pardiñas e visitarán unha panificadora en Guitiriz. Tamén percorrerán o Museo de San Paio de Narla, de titularidade provincial, e o paseo fluvial friolés.
O mércores será a quenda da Asociación de Mulleres A Casiña, de Lugo, que visitará a Granxa Gayoso Castro para coñecer o traballo que se realiza nestas instalacións e posteriormente porá rumbo a Lourenzá e Mondoñedo, onde visitará a igrexa parroquial de Mosteiro de Lourenzá, o Centro de Interpretación da Faba e a Cooperativa Terras da Mariña. Por último, fará unha parada no casco histórico de Mondoñedo.
O programa Coñece a túa provincia inclúe, de balde, o transporte para os traslados de ida e volta dende o lugar ou lugares de orixe, póliza de seguros de viaxeiros, menú de xantar, e entradas e visitas a diferentes lugares de interese da provincia de Lugo. Estas visitas, que en primavera participarán 1.800 persoas de 80 colectivos da provincia, realízanas profesionais que teñen a habilitación de guía oficial de turismo de Galicia e persoal de atención ao público nos diferentes museos, empresas ou obradoiros sinalados nos itinerarios do programa.