No encontro presentaranse estudos sobre diferentes áreas nunha sesión aberta durante a tarde do sábado
Viveiro. 26 de abril. A Asociación Galega de Antropoloxía (Agantro) celebra os vindeiros 28 e 29 de abril o seu VI congreso. Viveiro acolle esta cita, que co lema “Antropoloxía en Galiza e Asturies hoxe” quere facer un repaso pola situación desta disciplina nas dúas comunidades e procurar “liñas e temas de colaboración”.
Segundo explica a entidade organizadora, este encontro “está deseñado como un espazo de visibilización do valor desta disciplina ao tempo que como encontro coa Asociación Asturiana de Antropoloxía e Patrimonio Etnolóxico (ASAPE)”. O programa abre o día 28 coa asemblea anual da Agantro, e continuará o día 29 cun encontro entre representantes da disciplina das dúas comunidades durante a mañá.
A sesión de tarde do sábado será aberta ao público e amosará proxectos de investigación en marcha, con tres propostas de cada territorio, baixo o título 6×6 Antropoloxía en Galiza e Asturies hoxe. Neste encontro, Xuan de Con presentará a súa investigación sobre a patrimonialización da sidra en Asturias mentres Noelia García Rodríguez falará sobre “a encrucillada entre deporte de natureza, conservación da biodiversidade e patrimonio local” no Parque Nacional dos Picos de Europa e Ignacio Fradejas abordará as mobilidades nas marxes europeas.
A cartografía das producións musicais do underground galego centrará a intervención de Estefanía Tarrío, mentres a bióloga e doutora en estudos culturais Andrea Núñez Casal, impartirá unha charla co título Antropoloxía na casa: relacións multiespecie, mulleres e a biofarma galega”. Finalmente Roberto Zuheros Pérez presenstará o seu traballo sobre o Xeoparque Montañas do Courel, a atender a cuestións de “identidades, patrimonialización e aproximacións”.
O congreso continuará coa conversa (Re)activar saberes: A Antropoloxía fronte aos desafios dos mundos posibles, con Llorián García-Flórez (ASAPE) e Candela Morado (UPM/INCIPIT, Agrocuir), moderada por Íñigo Sáchez Fuarros. Esta mesa propón “reflexionar arredor desas dicotomías clásicas que aínda hoxe continúan delimitando a senda do camiño (rural/urbano, tradición/vangarda, local/global, patrimonio/anti-patrimonio, natureza/cultura), poñelas en contexto (os territorios e a realidade próxima de Galiza e Asturies) e intentar ver como estes polos e liñas que os atravesan están sendo
cuestionados e redefinidos dende os activismos, o habitar, os coidados ou as prácticas artísticas”.
A Agantro aproveitará este encontro para avanzar na organización do XVI Congreso Internacional de Antropoloxía da Asociación de Antropoloxía do Estado Español (ASAEE) , que se desenvolve na Coruña entre os vindeiros 5 e 8 de setembro co lema “Non hai fronteiras?”. A cita, principal encontro da disciplina a nivel estatal, supón un fito para a asociación galega e permitirá coñecer as principais liñas de traballo que se desenvolven na actualidades desde este ámbito do coñecemento.
Con eventos coma estes, a Agantro continúa a súa reivindicación de que se poidan cursar estudos de Antropoloxía Social e Cultural nas universidades galegas, xa que na actualidades os mesmos están ausentes dos planos de estudo.
Agantro ten como obxectivo principal mellorar a profesionalización e desenvolver a antropoloxía, abrindo as canles de comunicación coas administracións, incidindo na inclusión da disciplina naquelas actividades culturais e ofertas de emprego correspondentes a esa formación. Mais tamén apoiar a posta en valor das múltiples ramificacións da cultura galega e xerar un foro de debate e comunicación no que teñan cabida os diferentes xeitos de entender e practicar a antropoloxía alén da academia, tendendo pontes e fortalecendo as relacións co tecido asociativo que durante tantos anos mantivo viva a investigación e a divulgación.
https://asaee-antropologia.org/congresos/xvi-congreso-antropoloxia
-23/