Burela, 29 de marzo de 2023. Volven as Xeorutas durante a Semana Santa. Serán os días 5 e 8 de abril. Ademais estarán abertos o barco museo e o oficina de turismo, segundo deu a coñecer o edil Ramiro Fernández.
O concelleiro de Turismo indicou que “de cara á próxima Semana Santa, que xa está chegando, desde a Concellería de Turismo vamos poñer en marcha unha actividade que está tendo moito éxito: as rutas xeolóxicas. Preparamos unha ruta xeolóxica para o mércores 5 de abril a partir das catro e media da tarde, que vai comprender a área de A Marosa, onde nos explicarán as características xeolóxicas desa zona. E para o sábado 8 de abril pola mañá, porque a zona do Perdouro depende das mareas para ser visitada, temos planeada outra ruta para toda esta xente que vai vir visitarnos nesta Semana Santa, que esperamos que sexa moita. Esa ruta empezará ás 10 e media da mañá”.
Fernández Rey dixo que “a xente interesada en participar nestas rutas só ten que chamar á oficina de turismo de Burela e alí faranlle a reserva para poder asistir a esta actividade”.
O edil burelés manifestou que “isto vén complementar todos os actos que están preparando desde a propia organización da Semana Santa de Burela, cunhas procesións que cada ano van a máis. Cada ano vimos observando unha maior afluencia de xente a Burela durante a Semana Santa e por iso intentamos complementar toda a actividade turística con estas rutas xeolóxicas, entre outras cousas”.
Ramiro Fernández explicou que “ademais imos ter en servizo a oficina de turismo, onde poderán recibir toda a información de Burela que necesiten, así como o barco museo, que é o noso buque insignia e estará aberto durante estes días”.
O Concello traballa estes días na posta a punto das praias: “tamén se está traballando para poñer as praias no mellor estado posible. Sen contar con todos os servizos propios do verán, pero si se lles fai unha limpeza para que en caso de que veña un bo tempo a xente tamén poida disfrutar das nosas praias”.
Ramiro Fernández engadiu: “con todo isto pretendemos que a xente que veña visitarnos teña actividades para facer e unha estancia agradable en Burela para que, desde logo, os beneficiados de toda esta promoción sexan tanto a hostalería como o comercio de Burela”.
As expectativas en canto a ocupación son boas: “as expectativas son boas, esperamos ter unha boa afluencia de xente, á que invitamos a vir e a disfrutar dos atractivos que ten Burela durante toda esta Semana Santa”.