Site icon Crónica3.com A Mariña

Volven as experiencias de turismo slow á Mariña

smart

A Mariña, 2 de marzo de 2023. Do 11 de marzo ao 23 de abril desenvolveranse na Mariña Lucense oito xornadas de turismo slow, que terán lugar en Ourol, A Pontenova, Cervo, Foz, Xove, Ribadeo e Viveiro.

O Turismo Slow Norte de Galicia é un proxecto colaborativo posto en marcha no ano 2015 polas Mancomunidades de Concellos da Mariña Lucense e Ferrolterra – Rías Altas, coa intención de promover un turismo sostible, é dicir, respectuoso coa natureza, coa xente que vive no territorio, coas empresas e traballadores do sector turístico. Así, con esta filosofía, que hoxe en día xa é tendencia, foise desenvolvendo un proxecto escaparate da oferta de ambos xeodestinos para dar resposta ao perfil do turista que escapa das masificacións e que está cada vez máis concienciado cunha forma de viaxar máis pausada, buscando o descanso, gozando do medio natural e coñecendo e valorando a cultura e a vida local.

O presidente da Mancomunidade, Fran Cajoto, lembrou que “no 2020 deseñáronse da man dos aloxamentos e empresas provedoras de actividades unha serie de experiencias de turismo slow que se poden ver na web deste proxecto (turismoslow.gal) e este pasado outono saíu un pequeno programa piloto de 6 actividades, xa que unha das premisas do proxecto, e en concreto desta iniciativa, é o interese por desenvolver este tipo de xornadas relacionadas coa natureza, a gastronomía e a cultura local en temporada baixa, e axudar así na desestacionalización da actividade turística e no desfrute máis pausado de todas elas”.

Cajoto Caserío subliñou que “por iso e trala proba piloto no outono sae agora un novo programa de cara á primavera, de 8 actividades, para desenvolver entre os meses de marzo e abril. As propostas buscan o equilibrio persoal en contacto coa natureza, así como achegar ao visitante á cultura local e aos recursos turísticos e outras son de nova creación con motivo deste programa de primavera”.

O presidente da Mancomunidade indicou que “as actuacións a desenvolver entre marzo e abril no marco do proxecto Experiencias de Turismo Slow correspóndense con 8 propostas dirixidas a distintos públicos que se organizarán en xornadas de 1 día ou de fin de semana do 11 de marzo ao 23 de abril”.

As Experiencias de Turismo Slow arrincarán o 11 de marzo en Viveiro e na Pontenova. Na cidade do Landro desenvolverase un obradoiro de pan no que Panadería Galdo compartirá a experiencia de facer pan de forma totalmente artesanal nun forno de leña do ano 1961 e no que a xente poderá levar para a casa o pan feito coas súas propias mans. E na Pontenova haberá unha ruta guiada polo seu patrimonio industrial e cultural, ofrecendo o coñecemento sobre a función dos fornos que son a imaxe máis recoñecible da vila, unha visita á Mina Consuelo e o descenso na tirolesa da man de Tirolina das Minas, coa posibilidade de ampliar a experiencia cunha estancia en Casona de Labrada.

O 18 de marzo terá lugar un brunch con degustación de marmeladas en A Morena, un obradoiro situado en Sargadelos (Cervo), que elabora marmeladas artesanais elaboradas con ingredientes ecolóxicos e de primeira calidade. E ese mesmo día Os Tres Teixos en San Acisclo (Foz) ofrece unha estancia especial para recibir e celebrar o Equinoccio de primavera cun programa de actividades compartidas coma mindfulness, yoga, danza ou paseos conscientes.

O 25 de marzo están programadas dúas actividades moi diferentes. Por un lado o carpinteiro francés Sebástien Léprevost ofrecerá un obradoiro para coñecer todo o ciclo da madeira e fabricar unha pequena peza no seu taller de Ourol e, por outro Roqsport ofrece vivir unha experiencia diferente en familia e en plena natureza no seu Parque de Aventura de Viveiro, onde se poderán realizar os distintos circuítos de diferentes dificultades entre árbores atravesando pontes, pasarelas, tirolinas, etc e un percorrido de orientación con explicacións sobre o manexo do compás, interpretación de mapas, etc.

Xa en abril, despois da Semana Santa, o día 15 en Ribadeo Raíces Nómadas Atelier ofrece un obradoiro para aprender as técnicas básicas da marroquinería fina; coser a man, acabado de bordes e todo o preciso para que cada asistente elabore o seu propio bolso e o leve acabado. Coa posibilidade de ampliar a experiencia cunha estancia na Cortiña de Cantalarrana.

E o 22 e 23 de abril no Lugar das Marías en Xove, Iria Pigueiras ofrecerá un taller de iniciación á cerámica para coñecer de primeira man diferentes técnicas, materiais, texturas e pigmentos así como crear varias pezas deseñadas por cada asistente seguindo un proceso creativo dinámico e colaborativo, nun entorno excepcional como é a aldea e o xardín deste aloxamento. A experiencia inclúe merenda, pernoita, cea e almorzo.

As actuacións vinculadas a esta iniciativa, que teñen que ver principalmente coa coordinación e promoción do programa, están financiadas ao abeiro do Plan de Sostibilidade Turística na Mariña Lucense, co financiado pola Mancomunidade de Concellos da Mariña Lucense, a Xunta de Galicia e a Secretaría de Estado de Turismo en colaboración coa Deputación de Lugo.

Expectativas de futuro

O Turismo Slow Norte de Galicia é un proxecto de participación voluntaria para aquelas empresas de aloxamento que cumpran os requisitos e, sobre todo, que teñan a motivación e ilusión necesarias para participar nun proxecto colectivo deste tipo e que fagan un triplo compromiso: o ambiental, de sustentabilidade e coidado do entorno; coa calidade dos aloxamentos e a profesionalidade das persoas responsables; e co proxecto, que se refire á implicación e o interese pola consolidación do mesmo.

Na actualidade, participan no Turismo Slow Norte de Galicia un total de 52 aloxamentos, dos que 24 pertencen ao xeodestino de Ferrolterra Rías Altas e 28 ao xeodestino Mariña Lucense. Nestes anos, nos que a pandemia puxo de manifesto a importancia da relación co medio natural, os aloxamentos turísticos viron incrementadas as estancias medias das persoas aloxadas. Nestes últimos dous anos, o proxecto está incorporando á oferta tamén produtores e empresas de actividades que complementan as visitas turísticas. Desta idea das experiencias slow é de onde naceu este programa que se presenta agora.

Exit mobile version