Non somos os únicos. Dise que Galicia ten un problema de natalidade. Polo que parece, en Corea do Sur están aínda peor (que España, non que Galicia). E empeorando.
Ó tempo, no mundo fálase de superpoboación e falta de natalidade. Superpoboación que afectaría a todo o planeta. Falta de natalidade en ‘occidente’ (sexa o que sexa iso, incluíndo Xapón e Corea) e en China, o que indica que a presión sobre determinados recursos, perda de diversidade ou contaminación poderá ter no futuro unha distribución diferente á actual.
A poboación mundial segue a medrar, esperando acadar os 8 000 000 000 de habitantes en cousa de tres anos, despois de superar os 7 000 000 000 hai doce, e ter a metade de poboación que hoxe hai só uns 50 anos. Están a nacer dúas persoas por cada unha que morre. E claro, máis poboación, maior consumo de recursos, etc, aínda que tamén sexa certo que unha persoa media da parte rica do planeta consume os mesmos recursos que unhas cantas da parte pobre: mesmo os pobres ‘medios’ dun país rico poden consumir máis que a media dun país pobre…
Ó tempo que sucede o anterior, diversos países, como o máis poboado, teñen unha crise de natalidade. A China está tratando de desfacerse da política de fillo único mentres a idade media da súa poboación segue a medrar: ate os anos 70 do século pasado non chegaba a 20 anos, e hoxe vai camiño dos 40. Claro que a idade media en Galicia está en 48 anos, sobrepasando en Lugo e Ourense os 50; en Ribadeo está en preto de 50, parello a Galicia en xeral. Na Corea do Sur, anda polos 44 anos, cunha taxa de fertilidade de 1,11 fillos por muller, aínda maior ca galega, de 1,01 fillos por muller. Con eses números, en principio a poboación da seguinte xeración surcoreana ou galega tería a metade de xente que a que a está a enxendrar. De feito, como Galicia xa leva moitos anos en cifras semellantes (Corea do Sur aínda non tantos), a pesar da inmigración, leva baixando poboación durante décadas de xeito continuado ano tras ano; se un ano aumenta un par de milleiros, ó seguinte baixa cinco veces máis.
O anterior incide nunha morea de problemas, dende as causas do cambio climático á falta de materiais para a electrónica, pasando pola perda de diversidade ou a contaminación, e sobre todo, nunha distribución anómala de posibilidades para cada persoa. Poden facerse moitos comentarios e apreciacións ós números anteriores, pero quedaríame para considerar cuns poucos que están relacionados e que entendo que tentan a procura de solución a un problema sen mirar as causas. Son aqueles que ven á poboación só como unha variable para o que chaman movemento económico, o medrar en produto industrial bruto ou taxas semellantes. Aqueles xerados por xente á que non se lle pasa pola cabeza un comentario do tipo dun que vin esta semana na rede: “Organizas un país en el que no vale la pena vivir y luego te preguntas por qué la gente no quiere tener hijos en él. Me recuerda a mi país”. Xente que considera normal que na rúa se vexan abondo máis cans que nenos (claro, inflúe a hora do colexio, os cans non van…e necesítase sacalos varias veces ó día!). Pode que xente coma nós mesmos.
E é que se se mira só dende a economía, iso de non ter xente a quen vender pode ser unha catástrofe tan grande ou máis como non ter a xente que produza para levarse unha tallada do seu produto, e saen ideas como permitir que as empregadas domésticas estranxeiras podan cobrar menos do salario mínimo (algo legal nalgún país), ou perseguir e ‘tratar médicamente’ a homosexualidade. Pode que porque en Galicia o neoliberalismo aínda está a impoñerse, non se teñan proposto aínda ideas semellantes. Todo pode chegar.