O presidente da Xunta mantivo unha reunión con Miguel Ángel López Quesada-Gil
O presidente da Xunta interesouse polo cumprimento dos prazos comprometidos pola compañía e os acordos aos que a dirección da multinacional do aluminio chegou cos representantes dos traballadores para a reactivación da planta de San Cibrao, así como polos investimentos anunciados co obxectivo de garantir o futuro da fábrica na Mariña de Lugo e o cumprimento do mantemento do emprego.
Alfonso Rueda ratificou a López Quesada-Gil o apoio da Xunta en todas as decisións de competencia autonómica para que Alcoa siga sendo un dos motores da economía da comarca da Mariña, da provincia de Lugo e de toda Galicia. Nese sentido, recordou que o Goberno galego xa está axilizando toda a tramitación que ten que ver cos parques eólicos que son da súa competencia e fundamentais para a viabilidade da industria electrointensiva.
Ao mesmo tempo, indicou que a competitividade da planta depende tamén do desenvolvemento, por parte do Goberno central, dun marco enerxético que achegue estabilidade e permita competir en igualdade de condicións desde o punto de vista do prezo eléctrico co resto da industria electrointensiva europea. Para a Xunta de Galicia, esta é unha prioridade xunto á necesidade de vincular a factoría de San Cibrao ás enerxías renovables.
O presidente da Xunta comprometeu a López Quesada-Gil toda a colaboración do Goberno galego para que a reactivación da actividade de Alcoa en Galicia sexa canto antes unha realidade.