Burela, 22 de marzo de 2023. Rematou o pintado do mural artístico e informativo do Monte Castelo, que foi visitado polo alcalde e polos autores.
Alfredo Llano indicou que “visitei xunto cos autores, xunto cos artistas Belén e Martín, que fixeron unha labor extraordinaria alí no Monte Castelo cun mural artístico e informativo, onde se sinala o que se pode ver alí naquela zona: a capela, o cruceiro, o hórreo… tamén aparecen dúas mulleres, o que indica o peso que tiñan na sociedade, non so ligado ao mar senón que tamén había hortos e había que traballar a terra, algo que normalmente facían as mulleres, por iso a súa presenza neste mural extraordinario”.
O rexedor considera que “é unha obra artística moi ben feita, que lle da unha singularidade importante á área recreativa do Monte Castelo. Todo isto forma parte das actuacións que se están a realizar aquí en Burela, por exemplo aí fronde da Cruz Vermella onde se pintou outro mural extraordinario, empregando unha técnica similar, que quedou moi ben e que explica a importancia que ten a pesca en Burela. Agora tamén se está a realizar unha intervención artística no parque, estáselle dando unha singularidade ao conxunto do pobo de Burela, que é moito de recoñecer”.
O alcalde subliñou que “o mural artístico do Monte Castelo agranda as posibilidades e o atractivo de toda aquela zona e convidamos a todo o mundo a que se achegue a velo”.