Ribadeo, 13 de marzo de 2023. O Concello remata estes días os traballos de limpeza da senda costeira. Trátase dunha superficie de máis de 8 hectáreas. Estas tarefas supoñen un investimento de 64.000 euros. Ata un treito desa zona se achegaron os concelleiros de Medio Ambiente e Turismo, Jorge Díaz e Pablo Vizoso.
Díaz Freije explicou que “estanse a rematar uns traballos que empezaron o ano pasado na contorna do Cargadoiro, do Faro e nunha zona cerca do río de Vilaselán. Son labores de desbroce, de retirada de especies invasoras e de árbores mortas e de lixo, de limpeza de ribeiras e de plantación de árbores novas autóctonas ou adecuadas para ese terreo. Ían incluídos nunha subvención bianual polo que parte deses traballos empezáronse o ano pasado e agora estanse a rematar”.
O edil ribadense indicou que “dentro desta subvención, que nos veu concedida a través da Reserva da Biosfera, o orzamento son 64.000 euros e a zona de afección é de 8 hectáreas e media. Esta actuación ten algo moi atractivo, que é a restauración ambiental e a adecuación de sendas existentes. Aproveitamos esta subvención para reabrir de novo parte desta senda costeira tan fermosa que temos en Ribadeo”.
O concelleiro de Medio Ambiente contou que “son dous tramos diferentes: un máis pequeno en Piñeira, na zona da Areosa; e o outro é máis importante, na desembocadura do río de Vilaselán e máis onde están as dúas depuradoras, tanto a nova como a vella, e chega a entroncar coa entrada á praia de Rochas Brancas. En extensión é un pouco máis de quilómetro e medio en total, entre Piñeira e Vilaselán”.
Para Jorge Díaz “isto é unha demostración máis de que o Concello de Ribadeo segue apostando pola restauración ambiental porque o medio ambiente debe ser atractivo para que a xente se integre e cada día sexa máis responsable con el. Isto é unha vía máis para que a xente disfrute e os nenos e as nenas dean un paseo pola natureza e fagan deporte”.
Pablo Vizoso comentou que “esta actuación na senda costeira, que promove o Concello de Ribadeo e que conta cunha axuda moi importante da Reserva da Biosfera, é unha aposta clara e unha demostración do compromiso do Concello co medio ambiente. Trátase duns traballos de recuperación do noso litoral, que poñen en valor este entorno e este tramo entre O Cargadoiro e A Areosa, en Piñeira, para disfruta de toda a veciñanza e quen nos visita”.