Ribadeo, 15 de marzo de 2023. No Perfil do Contratante está publicada a reforma do Hospital Asilo. As empresas interesadas disporán de 20 días, contados a partires de mañá, para presentar as súas ofertas, segundo deu a coñecer hoxe a concelleira de Obras, Mónica Freire. O investimento ascenderá a 1,6 millóns de euros, ao que logo haberá que engadir o mobiliario.
A edil ribadense declarou que “desde o Concello de Ribadeo seguimos avanzando para que a reforma do Hospital Asilo Municipal de San Sebastián e San Lázaro poida ser unha realidade nos vindeiros meses. Deste xeito, no día de hoxe publicamos no perfil de contratante a reforma do hospital asilo. As empresas interesadas terán, desde mañá, 20 días para presentar as súas ofertas”.
Mónica Freire dixo que “desde o goberno de Ribadeo temos moi presente que para nos a atención ás persoas maiores é un eixo fundamental e por isto nos marcamos desde o comezo do mandato o obxectivo de poder acondicionar o Hospital Asilo para convertelo nun espazo moderno e no que os seus usuarios reciban unha atención axeitada e especializada”.
A concelleira de Obras subliñou que “o investimento total desta reforma do edificio do Hospital Asilo é de mais de 1,6 millóns de euros (ao que habería que engadir o mobiliario)”. Freire Rancaño referiuse á Xunta de Galicia: “e volto a lembralo, a Xunta de Galicia debería financiar a totalidade desta reforma, porque é precisamente a Xunta quen ten as competencias exclusivas en servizos sociais e a obriga de asumir o seu financiamento, mais a día de hoxe seguimos sen ningunha noticia sobre se asumirá estes 1,6 millóns de euros ou fará o mesmo que fixo coa residencia nova, que foi nin mais nin menos que mirar para outro lado e non cumprir coas súa responsabilidade para coa veciñanza de Ribadeo”.
A edil insistiu en que o equipo de goberno quere que Ribadeo conte con dous centros de atención ás persoas maiores: “mais desde o noso goberno imos ir adiante con esta actuación e a reforma do Hospital Asilo se fará si ou si, porque queremos que Ribadeo conte con dous centros de atención a persoas maiores públicos e de calidade, e chegar a esas 90 prazas públicas tan necesarias para atención ás persoas maiores que así o precisen”.