O BNG defende un modelo de atención primaria con tres piares: máis financiamento, persoal suficiente e novos servizos nos centros de saúde
Santiago de Compostela, 7 de marzo do 2023. A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, defendeu no Parlamento blindar por lei o financiamento necesario da atención primaria para que reciba, cando menos, o 25% do total dos recursos destinados á sanidade, como recomenda a OMS, fronte ao actual 11,6% que sitúa a Galiza por debaixo da media.
Unha proposta en forma de proposición de lei que forma parte do novo modelo de atención primaria que propón o BNG en base a tres grandes piares: financiamento suficiente, máis persoal sanitario e ampliar a carteira de servizos con novas especialidades nos centros de saúde.
Unha proposta que non saíu adiante polo veto do Partido Popular, convertido, denunciou a líder do Bloque, no “cabalo de Troia” da sanidade privada, en referencia tanto ós catorce anos de recortes na sanidade pública como ás conexións familiares directas entre a xerente do SERGAS cos hospitais privados.
“O modelo retrógrado do PP recorta na pública para favorecer á privada, pon a tarxeta bancaria por diante da tarxeta sanitaria, dille á xente que o tamaño da súa carteira importante máis que a súa saúde, porque o PP é o cabalo de Troia da sanidade privada”, denunciou Pontón, deixando claro que para o BNG “non é unha casualidade que a xerente do SERGAS teña ao seu irmán como xerente da asociación dos hospitais privados, cos que o SERGAS fixa derivacións e convenios por importes millonarios”.
Na súa intervención, Pontón denunciou que o modelo sanitario do PP xera incerteza e medo ante a enfermidade nunha cidadanía que ve como os recortes e as privatizacións poñen en risco a súa saúde.
“A xente ten medo a enfermar, medo a perder a un ser querido porque a ambulancia que pode salvarlle a vida non chega, medo porque un diagnóstico se retrasa ou porque unha operación tarda moito”, indicou Pontón, engadindo que “a política está para facer da tranquilidade un modelo de vida, non unha utopía”.
Cun Goberno do PP que recortou en atención primaria 2.339 millóns de euros entre 2009 e 2023, Galiza ten hoxe o “corazón” do sistema sanitario precarizado e colapsado: “Non é propio dun goberno decente recortar e precarizar a sanidade pública, poñer a carteira por riba da saúde, xerar incerteza e fraxilidade nas persoas ante a enfermidade”.
Fronte ao modelo insolidario do PP, o BNG presenta unha alternativa, un novo modelo de atención primaria para garantir o dereito a saúde de todas as persoas, que pasa por unha atención primaria libre de recortes e de listas de espera, cos recursos materiais e humanos que precisa.
A proposta do Bloque establece blindar por lei o financiamento de atención primaria cun obxectivo concreto: que reciba un mínimo do 25% de todo o orzamento sanitario, tal é como recomenda a OMS, máis do dobre dos recursos actuais, pese a ter Galiza os custes adicionais derivados da dispersión e do envellecemento.
Plan para captar e reter profesionais
O segundo piar do modelo do BNG pasa por dotar atención primaria do persoal sanitario suficiente: persoal médico, de enfermería e de servizos. Por iso o modelo do BNG recolle un plan para reter e captar profesionais, con condicións atractivas para as formadas aquí e para que retornen as que marcharon fora. “Non podemos seguir perdendo talento e postos de traballo formados aquí con cartos dos e das galegas. Elas e eles queren volver, nós estamos aquí para poñérllelo fácil”, indicou.
Finalmente, o terceiro piar: máis servizos nos centros de saúde, como psicoloxía clínica, “porque un 30% das consultas están relacionadas coa saúde mental e a atención primaria de hoxe non pode ser a de fai trinta anos, hai que atender outras necesidades, como as feridas profundas que require a saúde mental”. Tamén fisioterapia, odontoloxía ou logopedia entre as novas prestacións sanitarias.
Un mundo máis san e máis seguro
“Senón queremos construír un mundo hostil, fagamos todo o posible por axudar a facer un mundo máis san, máis seguro”, subliñou Pontón durante a súa intervención na que recriminou a ausencia do presidente da Xunta nun debate que aborda o máis importante: a saúde das persoas.
“En definitiva, desde o BNG propoñemos unha atención primaria atenta ás necesidades da Galiza de hoxe, defendendo un sistema sanitario público e forte que nos iguale ante a enfermidade, porque Galiza non pode seguir quedando atrás no coidado da súa xente, precisamos unha sanidade pública libre de recortes e privatizacións, que aporte a todos os galegos e galegas certeza, tranquilidade e a confianza de que van ser coidados como se merecen ante a enfermidade”, concluíu.