Site icon Crónica3.com A Mariña

Pontón acusa a Rueda de traizoar ás 64.000 persoas que traballan no mar para favorecer a rapina das eléctricas

O BNG pide a retirada do POEM porque a eólica mariña na plataforma continental galega é incompatible coa pesca, como advirte o sector

Santiago de Compostela, 22 marzo 2023. A portavoz nacional, Ana Pontón, explicou no Parlamento a razón pola que en Galiza a eólica mariña é incompatible coa pesca, tal é como denuncia o sector. A clave está na plataforma continental galega, moi estreita e con centos de caladoiros, por tanto, ou se da prioridade á pesca ou a instalación de eólicos.

E ante esa disxuntiva puxo a líder do BNG ao presidente da Xunta na sesión de control: ou se está coa xente do mar ou se está coas eléctricas e con quen quere discriminar a Galiza para favorecer a Madrid.

“Como é posible que pretendan cargarse un sector que dá de comer a 64.000 galegos e galegas? Porque iso é o que supón a eólica mariña. Ou se está coa xente do mar desde Burela A Guarda, ou se está con Iberdrola, Endesa, Naturgy; ou se está cos traballadores e as traballadoras dos 4.000 barcos da frota galega ou con aqueles que queren converter Galiza nunha colonia enerxética de Madrid”, sintetizou Pontón.

Pontón deixou claro que o BNG está “obviamente” a favor da transición enerxética, “pero xusta e democrática”, e denunciou a falacia de apelar ao progreso mentres se destrúe o medio ambiente.

“Basta de poñerlle a etiqueta verde ao espolio de toda a vida, de chamarlle progreso á destrución do medio ambiente, da biodiversidade e do ecosistema mariño, e basta de discriminar a este País. O BNG está na defensa do medio ambiente, na defensa da xente que vive do mar fronte a rapina dunhas eléctricas que, goberne o PP ou o PSOE, teñen unha cadeira no Consello de ministros e ministras”, denunciou.

A líder do Bloque destacou que o Estado reserva no Plan de ordenación do espazo marítimo (POEM) 2.200 quilómetros cadrados de costa para a eólica mariña, o 43% do total, “chantando” muíños sobre os principais caladoiros nos que faena a frota galega.

Pontón preguntoulle a Rueda por que oculta as alegacións ao POEM que o Goberno do PP remitiu ao Executivo central, información que o BNG solicitou fai dous anos. “Que ten que esconder? De que ten que avergonzarse? Da súa traizón á xente do mar?”, interpelou Pontón.

A portavoz do Bloque fixo referencia ao parque eólico de Viana do Castelo, que se te posto como exemplo e reiteradas ocasións. “O sector visitou ese parque e di claramente que os efectos sobre a pesca foron devastadores, que a instalación do parque con todo o que implica, muíños, quilómetros e quilómetros de cable, literalmente acabou coa pesca na zona”, recalcou. Por iso, pídelle a Rueda que actúe e reclame a retirada do POEM.

En todo caso, avanzou, o BNG vai levar ao Parlamento unha iniciativa para demandar a súa retirada ante o Goberno central, “espero contar co seu apoio”, indicou.

Pontón foi moi crítica coa posición do xefe do Executivo tras proclamar este que a eólica mariña é unha oportunidade para Galiza, “unha oportunidade poñer en risco o traballo de 64.000 persoas que viven do mar?”, interpelou, tras destacar que a ninguén se lle ocorrería defende un proxecto enerxético que cuestionase a viabilidade de empresas como Citroën ou Inditex.

“Cando saia desta sesión de control señor Rueda recorra os portos galegos e dígalle á xente do mar que representan o atraso e que, en nome do progreso, hai que cargarse ao sector da pesca e do marisqueo; dígalles que o progreso é cargarse a biodiversidade; dígalles que o progreso é defender a rapina das eléctricas e dígalles que o progreso é que o peixe que eles van deixar de pescar vai ser substituído polo que nos chegue en contedores desde China ou desde outras latitudes, dígalles que o progreso é cargarse o noso medio ambiente”, concluíu.

Exit mobile version