Lamentan o abandono do paseo de Area, “sucio e sen alumeado”, e piden beirarrúas para a vía que baixa á praia
Viveiro, 7 de marzo de 2023. Dentro da rolda de contactos coas asociacións locais que a candidata á alcaldía de Viveiro polo Partido Popular leva desenvolvendo desde a súa designación, Mariña Gueimunde mantivo un encontro cos veciños de Faro Area para coñecer cales son as principais necesidades da parroquia. O estado de conservación dos viais e doutros espazos públicos centraron as súas preocupacións.
Así, os veciños expuxeron a Mariña Gueimunde a necesidade de tramitar ante a Deputación de Lugo, titular do vial, a reparación do firme da estrada que une Area con Faro, e proceder ao seu pintado e sinalización, pois, á parte de ser a arteria principal da parroquia, é unha estrada que no verán ten bastante tráfico. Idénticos labores de mantemento reclaman do ente provincial para a estrada que baixa á praia de Area desde a estrada da costa, para a cal propoñen ademais dotala de beirarrúas nunha das súas marxes; así como limitar a velocidade e reformular os aparcamentos.
O estado do paseo de Area é outro dos temas que reclama o interese da asociación. Segundo manifestaron os veciños á candidata do PP, o paseo atópase “en estado de abandono, sen iluminación, sucio e en mal estado”. Abandono que tamén aprecian no río de Area, o cal, aseguran, “está cheo de maleza e ofrece unha moi mala imaxe aos visitantes”.
Tamén consideran os veciños que se debe pasar a rozadora por todas as estradas de Faro, xa que na primavera, a maleza invade as vías por ambos os lados e fai perigoso pasear por eles.
BUS ESCOLAR E IGREXA DE FARO
Os veciños expresaron a Mariña Gueimunde a incomodidade que para os nenos da parroquia supoñen os puntos de parada do autobús escolar pois, segundo din, “o bus para onde non viven nenos e non se detén onde si viven”. Por iso suxiren estudar modificacións en canto ás súas paradas.
Así mesmo, denuncian o precario estado da igrexa de Faro, que ten un buraco na parede de grandes dimensións e o interior está abandonado, afirman. Propoñen tramitar a súa reparación.
Os veciños piden tamén maior atención ao local social no sentido de dotalo de mobiliario novo e realizar nel as reparacións necesarias así como dotalo de iluminación exterior.