Site icon Crónica3.com A Mariña

Os socialistas piden á Xunta que suba as pensións non contributivas a 4.400 lucenses na mesma porcentaxe que o fixo o goberno de Pedro Sánchez

O Grupo Provincial do PSdeG pedirá no Pleno que se celebra mañá martes na Deputación de Lugo que aumente o complemento autonómico para as pensións non contributivas polo menos nun 15%

Lugo, 27 de marzo de 2023. O Grupo Socialista da Deputación de Lugo pide ao Goberno de Alfonso Rueda que incremente o complemento autonómico das pensións non contributivas na mesma porcentaxe que o fixo o Executivo de Pedro Sánchez. Unhas prestacións que perciben 37.000 persoas na comunidade autónoma, algo máis de 4.400 na provincia de Lugo.

Por iso, defenderán no vindeiro Pleno ordinario da Deputación, que se celebra mañá martes, unha moción na que instan ao Goberno galego a incrementar o complemento autonómico para as pensións non contributivas, polo menos na mesma porcentaxe do 15%.

Así as cousas, critican o autobombo do presidente Alfonso Rueda cando adiantou un incremento dun 6% no complemento autonómico que a Xunta aporta ás pensións non contributivas, lembrando ademais que foi o PP “o que baleirou a caixa das pensións coa súa mala xestión no Goberno, xa que introducira un factor de sostibilidade que, dende o 2013, provocou a súa perda de poder adquisitivo”.

Os socialista advirten de que “o incremento do 6% é menos da metade do 15% acordado polo Goberno de España para as pensións no contributivas. Tendo en conta o incremento anunciado polo señor Rueda, a paga de 218 euros que a Xunta dará ós pensionistas rexistra unha suba real de aproximadamente 13€, unha cantidade, que dividida en catorce pagas, supón 92 céntimos máis ó mes. Unha cantidade que exemplifica ben o grao de preocupación dos gobernos do PP polos nosos pensionistas”.

Complemento creado polo Goberno de Pérez Touriño
Hai que lembrar que o complemento autonómico para as pensións non contributivas foi creado no ano 2008 polo Goberno progresista do Presidente Pérez Touriño, “que daquela estableceu unha paga única de 200€. Hoxe, quince anos despois, a maioría deles baixo gobernos do PP, a paga é de 218€. E dicir, que co Partido Popular o incremento total foi de 18 euros ó ano, o que supón unha suba dun 9% nun período de 12 anos, apenas un 0,75% cada ano.

Aumento gracias ao Goberno de Pedro Sánchez
Os socialistas subliñan que a suba das pensións nun 8,5% conforme ó IPC aprobada polo Goberno de Pedro Sánchez beneficia a 113.849 pensionistas lucenses, é dicir ó 35% da poboación total da provincia, que reciben unha media de 77€ máis ó mes. Un aumento que tardaría 34 anos en terse producido se as pensións seguisen aumentando “ó ritmo miserento do 0,25% que aplicaba o Partido Popular”, aseguran os socialistas.

Exit mobile version