A candidata á Alcaldesa do Vicedo avanzou que xa están funcionando os grupos de traballo para elaborar o programa electoral e implicar a tódolos colectivos do municipio. “Necesitamos políticas progresistas, que dean resposta ás demandas da veciñanza e que contribúan a facer do Vicedo un lugar idóneo para vivir e traballar”
A Secretaria de Organización do PSdeG na provincia de Lugo, Pilar García Porto, xunto ao Senador César Mogo participaron no acto, no que agradeceron e puxeron en valor “o paso adiante no compromiso co socialismo e co seu concello” que deu María Pérez, “a mellor candidata para O Vicedo”.
A incorporación da avogada vicedense como cabeza de lista “é un exemplo do importante proceso de renovación que levamos adiante no Partido Socialista”, subliñou García Porto, quen lembrou que nestas eleccións municipais “renovamos o 30% dos candidatos e candidatas, e somos o partido polo que se presentan máis mulleres na provincia, e, probablemente, do resto das provincias de Galicia, con máis de 20 candidatas”. “A nosa defensa do feminismo”, recalcou, “non é postureo, é unha realidade, que demostramos con feitos”.
A candidata a Alcaldesa do Vicedo, asegurou a Secretaria de Organización dos socialistas na provincia, “vaille dar un novo impulso ó proxecto socialista, á nosa loita pola Alcaldía, polo futuro do Vicedo e da Mariña. Un novo impulso á loita que durante tantos anos sacou adiante o compañeiro Vicente Parapar, ó que quero agradecer o seus profundo compromiso socialista, os seus valores e o traballo incansable que fixo durante todo este tempo”.
García Porto incidiu en que O Vicedo “necesita un cambio radical, e os socialistas temos unha candidata con capacidade de traballo e con experiencia para gobernar, para atender as necesidades dos veciños e das veciñas, e para impulsar novas iniciativas de futuro para que a xente non siga marchando de quí, para crear riqueza, emprego e para favorecer o dinamismo económico, como estamos demostrando no Goberno de España e como demostramos na Deputación de Lugo. Esas son as nosas prioridades”.
Lista renovada
Pola súa banda, a candidata socialista dixo sentirse moi orgullosa de encabezar a lista do seu pobo, incidindo en que presenta “un proxecto ilusionante para chegar á Alcaldía do Vicedo”. “Fágoo”, engadiu, “acompañada dunha lista renovada, con xente de tódalas idades e de tódalas parroquias do municipio, con compañeiros e compañeiras que traballan nas asociacións veciñais e nos colectivos locais”.
“Queremos loitar por un futuro mellor para os nosos fillos e fillas”
María Pérez Santaballa avanzou tamén que xa están funcionando os grupos de traballo para elaborar o programa electoral e implicar a tódolos colectivos do municipio. “Queremos darlle voz a tódolas entidades da nosa vila, principalmente ás asociacións que colaboran na programación de actos do Vicedo”. “Necesitamos políticas progresistas, que dean resposta ás demandas da veciñanza e que contribúan a facer do Vicedo un lugar idóneo para vivir e traballar. Queremos loitar por un futuro mellor para os nosos fillos e fillas”, dixo.
Foi Concelleira con Melchor Roel
María Pérez Santaballa (1974) medrou no Vicedo, onde se estableceu a súa familia. Alí participou nas actividades que realizaba a Asociación Os do 21, un colectivo do que presume e se sente moi orgullosa. É licenciada en Dereito pola UDC (1997), e tamén cursou estudos na UNED de Ciencias Políticas. E nai e traballa como avogada dende que se licenciou. Ademais, xa formou parte da Corporación municipal de Viveiro como Concelleira no 2003, sendo Alcalde Melchor Roel.