Site icon Crónica3.com A Mariña

Os senadores do PP instan ao Goberno a asegurar a entrada de Lugo no corredor ferroviario atlántico para o transporte de mercancías

Os populares queren coñecer que medidas concretas hai en execución para posibilitar que a Unión Europea inclúa a Lugo no corredor atlántico de mercadoría

Lugo, 16 de marzo de 2023. A provincia de Lugo sofre as consecuencias do corte da A-6 debido ao afundimento do viaduto do Castro e o transporte por ferrocarril está condicionado polas obras en execución nas vías dende Ourense e pola inacabable demora da chegada de alta velocidade. Se no transporte de viaxeiros a situación da provincia é gravemente deficitaria na conexión coa Meseta, en canto ao transporte de mercancías non é mellor. E por se a actual situación non fóra abondo mala, Lugo queda fora do proxecto do chamado corredor atlántico de mercadorías por ferrocarril. Os senadores populares presentan unha batería de preguntas ao Goberno, na que lembran que Isabel Pardo de Vera indicou o outono pasado, cando aínda era Secretaría de Estado de Trasporte, Movilidad y Agenda Urbana, que había posibilidades de que as mercadorías dos portos de Ferrol e A Coruña tivesen saída e entrada ferroviaria a través da terminal de mercadorías de Lugo e o Porto Seco de Monforte; é dicir, que a provincia de Lugo sería incluída no corredor de mercadorías e formaría parte dese gran nó loxístico internacional.

Rosa Arza, José Manuel Barreiro e Manuel Lorenzo Varela destacan que, pese ao dito por Pardo de Vera, no proxecto presentado en Galicia en marzo de 2023 o Goberno volve deixar fóra do corredor atlántico de mercadorías á provincia de Lugo.

Os senadores populares queren saber por que o proxecto presentado polo Goberno en marzo de 2023 exclúe a Lugo do corredor atlántico de mercadorías. Preguntan se o Executivo presidido por Pedro Sánchez é consciente dos graves prexuízos que ocasionará para o desenvolvemento económico e social da provincia se non é incluída nese corredor.

Barreiro, Arza e Manuel Lorenzo Varela preguntan se o Ministerio de Transportes traballa para que a conexión de Lugo sexa unha das novas liñas nos corredores ferroviarios permitidas pola Comisión Europea. Interésanse por coñecer que medidas concretas están en execución para posibilitar que a Unión Europea inclúa a Lugo no corredor atlántico de mercadorías.

Exit mobile version