A achega da Deputación para o Servizo de Axuda no Fogar fai posible que os concellos atendan a máis de 2.000 persoas nas localidades de menos de 20.000 habitantes, un servizo esencial para o benestar social e a conciliación das familias
As entidades locais danlle prioridade aos investimentos -aos que dedicarán 16M€, preto do 70% do total dos fondos, para acometer máis de 330 obras e subministracións-, seguido da creación de emprego, á que destinan 3,7M€, cos que crearán 317 postos de traballo; e do Servizo de Axuda no Fogar (SAF), para o que reciben 3,4M€ para atender a máis de 2.000 persoas.
Para o Plan Único 2023, a Deputación achega 21,5M€, unha cantidade importante coa que o Goberno provincial reforza o seu compromiso de cooperación cos concellos para que poidan manter e mellorar a prestación de servizos á cidadanía. Este programa de investimentos inxecta case 25M€ de fondos públicos no tecido social e económico, tendo en conta as achegas dos concellos, que ascenden en total a máis de 3M€.
O Presidente destacou que, por terceiro ano consecutivo, a Deputación aprobou as bases do Plan Único no ano anterior ao seu período de vixencia, e a relación de actuacións no primeiro trimestre do ano, “o que lle permite aos concellos tanto planificar as accións municipais con maior antelación, como traballar con máis previsión e tempo, co que aproveitan mellor os recursos económicos e son más áxiles”.
Así mesmo, José Tomé destacou que cada ano se melloran as condicións do Plan Único “para que sexa máis útil” para as administración locais, reforzando a súa autonomía, porque son as que deciden en que se invisten os fondos, pois “son as que mellor detectan e coñecen as necesidades dos seus veciños”.
Os concellos dispoñen de prazo máximo para executar as accións que contemplan no Plan Único ata o 31 de outubro de 2024 e para xustificar, o 15 de novembro do vindeiro ano.
Os concellos presentaron as súas propostas para investir estas importantes partidas económicas da institución provincial aos distintos programas establecidos: investimentos; Servizo de Axuda no Fogar (SAF); reforzo do emprego; actividades culturais; actividades deportivas; actuacións/eventos turísticos; feiras e mercados; administración electrónica e protección de datos; e protección civil.
O Presidente subliñou que o Plan Único “é unha boa mostra de que a suma de esforzos, entre Deputación e os concellos, multiplica os resultados”. “A día de hoxe é unha fonte de recursos fundamental para os concellos, sen a que moitos non poderían prestar nin os servizos máis básicos ós seus veciños”, afirmou José Tomé.
O mandatario provincial asegurou así mesmo que con este instrumento de cooperación a Deputación garante a distribución dos recursos públicos entre os 67 concellos da provincia con criterios públicos e obxectivos, “iguais para todos”, e botou en falta que a Xunta de Galicia siga sen artellar un mecanismo semellante “para acabar co reparto arbitrario de fondos”, porque iso “melloraría a calidade democrática e favorecería o desenvolvemento equilibrado do territorio”.
Preto de 16M€ para obras e subministracións
Do importe total do Plan Único, preto de 16M€ vanse destinar a investimentos. Destacan as melloras e acondicionamento de estradas, accesos a núcleos de poboacións e pavimentación de vías públicas, ademais da mellora no alumeado público.
En total, son 332 obras ou subministracións, repartidas entre os 67 concellos da provincia. Estas actuacións servirán para renovar pavimentos de vías, pistas e camiños municipais, acometer redes de abastecemento de augas, mellora do alumeado público para facelo máis eficiente e dotar de novos puntos de luz a diferentes parroquias da provincia, mantemento e creación de parques e xardíns, realización de plans de ordenación de tráfico e estacionamento, contribuír á accesibilidade en vilas e parroquias, mellorar instalacións públicas ou dotar aos concellos doutras novas e, en definitiva, á atención de necesidades que presenta cada unha das localidades en materia de infraestruturas.
3,7M€ para crear emprego
En relación co fomento do emprego, os concellos destinarán 3,7M€ a impulsar iniciativas que permitan a creación de postos de traballo. Un programa moi importante que permite que as persoas consigan asentarse no lugar onde residen e afrontar así o reto demográfico, á vez que se fai fronte ao desemprego e se xera riqueza en cada unha das localidades.
En total, grazas ao Plan Único da Deputación, vanse crear 317 postos de traballo con funcións moi diversas, como peóns, arquitectos, socorristas, monitores turísticos, administrativos, enxeñeiros forestais ou conserxes, entre outras.
3,4M€ para axuda no fogar
En materia de servizos sociais, o Plan Único é o instrumento a través do que a Deputación financia o Servizo de Axuda no Fogar (SAF) aos concellos de menos de 20.000 habitantes.
Recibirán máis de 2M€, aos que se suman máis de 1,3M€ das achegas municipais para atender a máis de 2.000 veciños e veciñas con esta prestación social, que inclúe un conxunto de atencións e coidados moi variados e necesarios. En cada caso, realízase unha valoración técnica que establece que tipo de actuacións é necesario levar a cabo para dar unha resposta o máis axeitada posible.
Entre esas actuacións inclúense atencións de carácter persoal na realización de actividades básicas da vida diaria no domicilio, acompañamento e seguimento de tramitacións e atención de carácter psicosocial e educativo enfocadas ao desenvolvemento das capacidades persoais básicas, entre outras, que contribúan a mellorar a calidade e ritmo de vida que levan.
O SAF, á súa vez, é un servizo que xera un gran volume de emprego nos municipios. A maior parte das persoas que traballan no SAF son mulleres que residen no propio municipio, un feito que lles permite desenvolver a súa vida profesional sen ter que realizar grandes desprazamentos e avanzar en materia de conciliación.
400.000€ para actividades culturais
Así mesmo, os concellos destinarán preto de 400.000€ do Plan Único para actividades culturais, como concertos, viaxes, actuacións, edición de libros, escolas de música, obradoiros, ou accións que impulsan de maneira cíclica, como é o caso do Entroido, magostos ou actividades de Nadal.
Por outra banda, ao abeiro do Plan Único, os concellos incluíron actividades ou eventos de promoción turística. Para este programa destinaranse case 150.000€ para o total dos municipios, entre os que destacan as campañas de promoción e a participación dos concellos en feiras turísticas para dar a coñecer os seus principais reclamos patrimoniais.
Así mesmo, este ano os concellos seguen apostando por investir na mellora da administración electrónica e de protección de datos, un programa que ascende a 227.358€. O Plan Único tamén inclúe nas súas bases un apartado propio para Protección Civil ao que poden acceder aqueles concellos que dispoñen destas agrupacións. Neste programa este ano vanse incluír gastos correntes relativos a estas unidades que ascenden a case 17.000€.
En canto ao programa relativo a feiras, mercados e outros, nesta anualidade os municipios decidiron destinar preto de 200.000€, unha cantidade que medra de xeito significativo respecto a anualidades anteriores. A Deputación colabora así con algún dos eventos máis importantes da provincia, como a Feira do Butelo, da Fonsagrada; a Festa da Castaña, en Folgoso do Courel; a Feira Medieval, en Monforte de Lemos; a Feira de Santos; en Monterroso; a Feira do Mel da Montaña, en Muras; a Festa da Androlla, en Navia de Suarna; a Feira do Viño, en Pantón; a Festa da Augardente de Portomarín; ou a Feira da Primavera, do Páramo, entre moitas outras citas ao longo da xeografía da provincia.
A Deputación fomenta así mesmo o deporte a través deste plan de cooperación. Un total de preto de 20.000€ van destinados a gastos de escolas deportivas, cursos de ximnasia, carreiras populares ou calquera outro evento co espírito de promover os hábitos saudables dende a óptica deportiva.