Os populares lamentan que, mentres tanto, PSdeG e BNG votasen en contra da Lei que permitiu convocar 20 prazas fixas por concurso de méritos no hospital mariñán
Burela, 25 de marzo de 2023. Os candidatos do Partido Popular ás alcaldías dos concellos da zona da Mariña mantiveron onte unha reunión de traballo co conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, na que este deu conta do proxecto da fase final da reforma e ampliación do hospital comarcal que a Xunta ten xa rematado e presentado ao persoal do centro.
Os populares valoraron moi positivamente a contía do investimento, de ata 30 millóns de euros, que sumada ao custo das actuacións nas fases anteriores eleva ata os case 50 millóns de euros a aposta do goberno galego pola modernización da infraestrutura deste hospital.
García Comesaña explicoulles que esta fase final do Plan Director de Hospital abordará especialmente a ampliación dos espazos de urxencias, cirurxía maior ambulatoria ou o laboratorio; despois de que a fase anterior ampliase de xeito substancial as áreas de hospitalización, consultas externas ou hospital de día e de que as obras actualmente en marcha estean actuando sobre o servizo de radioloxía para a instalación dunha resonancia magnética fixa. Ademais, esta fase inclúe a construción dun novo edificio destinado de xeito principal á docencia e á formación sanitaria, o que representa unha aposta decidida polas posibilidades de futuro do centro.
Os alcaldes e candidatos mariñáns do PP consideraron que o anuncio amosa “quen ten o compromiso real coa sanidade pública” na comarca, contrastando a acción do PPdeG desde a Xunta coa actitude destrutiva de PSdeG e BNG centrada en alentar protestas e manifestacións sen presentar alternativas.
REFORZO DE PERSOAL
Os representantes municipais do PP valoraron tamén positivamente a convocatoria de 20 prazas no hospital comarcal a través do sistema de concurso de méritos para cubrir prazas de diversas especialidades, entre elas medicina interna, xinecoloxía, pediatría, cardioloxía, neuroloxía ou urxencias.
Estas prazas inclúense na oferta de máis de 400 prazas, aprobada este mesmo xoves no Consello da Xunta e, tal e como explicou o Presidente Rueda, derivada da Lei 2/2022 de medidas extraordinarias para a provisión de postos de difícil cobertura, aprobada o pasado outubro no Parlamento co voto en contra de BNG e PSdeG.
Esta lei incentiva a cobertura destas prazas ao ofrecer o maior nivel de estabilidade laboral, obtendo unha praza fixa en propiedade, cun sistema de acceso máis sinxelo e áxil: un concurso de méritos que non require exame de oposición e que se resolve nuns meses.
Os candidatos e candidatas populares da Mariña lamentaron a postura de PSdeG e BNG lembrando que, se por eles fora, non se podería realizar este proceso e cubrir esta praza. No mesmo sentido, criticaron a alcaldes e alcaldesas socialistas e nacionalistas da Mariña por encabezar protestas e reclamacións de máis persoal sanitario mentres o seu partido vota en contra das solucións.
Os populares consideran que este paso demostra o compromiso da Xunta de Galicia co mantemento dos servizos do hospital comarcal, tantas veces posto en dúbida por parte dos partidos que, curiosamente, son os que votaron en contra da lei que vai permitir agora reforzar o persoal do hospital da Mariña.
Unha postura partidista que só se explica desde o intento de sacar rédito electoral dos problemas de déficit de médicos de familia e pediatras que existen en toda España, ata o punto de intentar boicotear medidas innovadoras da Xunta como este concurso. “Na Mariña teremos novos especialistas no hospital co voto en contra dos partidos destes alcaldes e alcaldesas”, concluíron.
Lembraron tamén que este sistema de concurso de méritos, impulsado co voto en contra de PSdeG e BNG, xa permitiu cubrir nos últimos meses prazas nos centros de saúde de Viveiro, Ribadeo, Burela ou Cervo e que nesta nova convocatoria, ademais das prazas no hospital, permitirá cubrir prazas de medicina de familia e pediatría de atención primaria nos centros de saúde de Viveiro, Burela, Cervo, O Vicedo e Mondoñedo.