Denuncian a “insólita” pasividade da Xunta á hora de cumprir a resolución do TSXG confirmada polo Supremo
O avogado Borxa Colmenero, do despacho Pérez-Lema, explicou en rolda de prensa que a vía xudicial se emprende ante a “insólita” pasividade da administración autonómica á hora de acatar e dar cumprimento á unha resolución xudicial firme desde decembro pasado.
ACOUGA e a representación letrada dos afectados xa dirixiran o pasado mes de xuño dous escritos á Xunta e ao Concello de Mondoñedo para esixirlles a paralización, no prazo de 15 días, dos oito muíños que operan nas instalacións da empresa Norvento sen licencia de actividade fora anulada meses antes polo Tribunal Supremo.
Fronte á inacción das administracións, nunha sorte de “conivencia” xurídica coa empresa eólica, Colmenero sinalou que a acción xudicial de execución forzosa da sentenza esixe que se paralice o funcionamento das instalacións e, no seu caso, o seu posterior desmantelamento.
Danos irreparables
O coordinador de ACOUGA en defensa dos afectados por parques eólicos, Manuel Germade, deu lectura a un comunicado no que lembrou o “dano irreparable” provocado polos oito muíños, a subestación eléctrica e as vías de evacuación do parque sobre o Camiño de Santiago e unha turbeira que conta con protección da Unión Europea, ademais de sobre o conxunto paisaxístico da zona.
Afirmou que Xunta e o Concello de Mondoñedo “actuaron –engadiu- contra os lexítimos intereses cidadáns en fase xudicial, deixándonos desleixados e cunha sensación de asoballamento por parte das dúas administracións”, e os acusou de gastar cartos públicos “para seguir defendendo unha inmensa barbaridade medioambiental, patrimonial e económica”.
En canto á empresa propietaria do parque, sinalou que se aproveitou “dunhas autoridades permisivas, arrasando con todo o que puideron”, cun comportamento “depredador baseado no espolio e no todo vale con tal de obter uns beneficios”, que seguen obtendo “malia as sentenzas ditadas na súa contra”.