Taramundi, 17 de Marzo 2023. Organizacións e colectivos galegos e asturianos realizaron hoxe unha acción conxunta para visibilizar a oposición á industrialización do medio rural a través da imposición de polígonos industriais eólicos, tomando como marco o encontro bilateral entre os gobernos galego e asturiano que está a ter lugar en Taramundi, ao que os presidentes Alfonso Rueda e Adrián Barbón supostamente acuden “para abordar o reto demográfico e asentar as bases de colaboración na loita contra o despoboamento rural”.
A Responsábel na Loita contra o Acaparamento de Terras no Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas (SLG-CCLL), Margarida Prieto, insistiu dende a concentración celebrada fronte á La Rectoral de Taramundi na hiprocrisía do Partido Popular e o Partido Socialista, que “a todas luces non teñen diferencias na súa vontade por privilexiar ao lobbie de empresas privadas, moitas delas con estreitas ligazóns con cargos ou ex-cargos políticos -como o caso na Galiza de Greenalia ca ex-conselleira de medio ambiente-, que están acaparando o noso territorio, o noso patrimonio, as nosas vidas, para enriquecerse exponencialmente. As dúas formacións políticas, representadas nos presidentes aquí reunidos, están modificando a lexislación para acelerar estes proxectos que nos expulsan das contornas rurais que habitamos, para impedirnos alegar aos mesmos, para saltarse as declaracións de impacto ambiental ou para burlarse de nós aprobándoas en masa”.
Dende primeira hora da mañá representantes de organizacións sociais e plataformas de veciñanza afectada pola invasión de polígonos industriais eólicos nas áreas rurais da Galiza e Asturias reiteraron a fonda preocupación existente entre a poboación afectada pola desorbidata proliferación de solicitudes destas macroestructuras industriais, que de seren executadas degradarían estas zonas á categoría de polígono industrial, ca conseguinte perda da saúde e calidade de vida das persoas que viven e desenvolven actividades productivas nelas, moitas das cales supoñen aportes sociais esenciais como é por exemplo fornecer de alimentación san e saudábel á cidadanía. Canda estes impactos destaca tamén a destrución de innumerable patrimonio cultural, a afección a cauces hídricos, a perda de biodiversidade, a contaminación de augas subterráneas ou mesmo a perda de valor das propiedades que fiquen arrodeadas por estas macroestruturas industriais.
“Un rural vivo o que precisa é servizos públicos, centros de saúde, escolas, medios de transporte, unha aposta decidida polo modelo agroecolóxico de produción de alimentos, o apoio a iniciativas produtivas respectuosas co territorio, o coidado e protección dos ecosistemas… Tanto o presidente Rueda como Barbón saben perfectamente que o plan de concentración de fábricas de enerxía en territorios de sacrificio débese única e exclusivamente á estratexia comercial do puñado de empresas que está acaparando este negocio. A día de hoxe hai datos e evidencias abondo que constatan o despoboamento que se produce nestas zonas”, incidíu Margarida Prieto.
Os colectivos sociais presentes hoxe en Taramundi tamén denunciaron o incumprimento sistemático das figuras de protección medioambiental por parte das administracións públicas, nomeadamente ca construción de polígonos industrias nos territorios Reserva da Biosfera ou na Rede Natura 2000, esixindo a activación inmediata dunha moratoria eólica nestes espazos.