Burela, 15 de marzo de 2023. O alcalde, Alfredo Llano, mantivo un encontro cunha delegación da empresa norueguesa de produción de salmón que pretende instalarse en Burela. O rexedor subliñou a importancia da súa posta en marcha, xa que ocupará unha superficie de case 25.000 metros cadrados e suporá un investimento duns 40 millóns. O rexedor aludiu ás facilidades administrativas que lles ofrecerán desde o Concello de Burela.
Llano relatou que “recibimos onte a visita dunha comisión de noruegueses que teñen vinculación coa empresa de produción de salmón que se pretende instalar aquí, en Burela. Foi unha reunión agradable e eles están dando os pasos necesarios para poder situar a empresa aquí. Estiveron comentando as trabas que tiveron que superar, como foron facendo as cousas e o que hai agora pensado para o futuro. Vannos presentar o proxecto actualizado en pouco tempo e farán os actos administrativos pertinentes para darlle para diante”.
O alcalde burelés contou que “viñeron varios socios capitalistas desta empresa e teñen previsto tratar de consumar a súa pretensión de montar aquí esa instalación que ocupa 25.000 metros cadrados e ten un orzamento de aproximadamente duns 40 ou 50 millóns de euros. Veremos a ver como se vai desenvolvendo todo isto e desde o Concello o único que faremos é tramitar o que nos corresponde, facer as cousas o mellor posible e facilitarlles o traballo administrativo necesario”.
Alfredo Llano fixo un balance positivo da xuntanza: “foi un encontro agradable en todos os aspectos, é xente que ten moito interese en implantarse en Burela e desde logo está buscando a forma para que sexa unha instalación da mellor maneira posible. En principio queren producir 3 millóns de quilos de salmón ao ano, aínda que as posibilidades futuras están analizándoas”.
O rexedor tivo tamén palabras de agradecemento: “hai que agradecer que viñeran por aquí a facer esta visita e a contarnos de primeira man persoalmente todo o que están facendo porque iso é respectar ao Concello de Burela polo labor que realizamos para facilitar os trámites”.