Píllara é un encontro que vincula mocidade, medio ambiente, arte e cultura. Na súa primeira edición xira arredor do Cambio Climático
A doutora en Ciencias do Mar e responsable da Unidade de Cultura Científica do CSIC de Galicia, Luísa Martínez Lorenzo abriu a primeira xornada de Píllara, acompañada polo actor Carlos Godoy “Rony”. Despois dos dous pases matinais da peza teatral “Xuízo a unha vaca”, estiveron presentando no serán o libro Que teñen que ver as vacas co cambio climático? na Casa do Viejo Pancho.
O martes 28 continuaron as visitas e sesións didácticas no Forte de San Damián. Namentres, no Auditorio a rapazada de secundaria achegábase de maneira moi especial ao Ártico. Da man do fotógrafo de natureza e xornalista Andoni Canela, puideron coñecer a dimensión que alí cobra o cambio climático, marabillarse coas imaxes e cos relatos das expedicións e experiencias no Ártico.
O mércores 29, Andoni Canela presentará en sesión matinal no Auditorio o seu filme Panteras con coloquio posterior. Proxección da que poderá todo o público gozar o domingo 2 de abril ás 20:00 h. no mesmo lugar.
O xoves chegarán a Píllara as científicas especialistas Diana Zúñiga e Nicolás Villacieros, que farán divulgación científica coa rapazada de 4º ESO e de BAC. Para todo o público estarán na Casa do Viejo Pancho, o venres ás 20:00 h.
A música virá o venres para escolares e o sábado para todo o público cos txalapartaris Oreka TX acompañados da súa banda e de 3 artistas convidadas de luxo: a artista Teresa Jareño, a excelente músico ribadense Irene Rodríguez e o magnífico percusionista Noè Rodrigo. Oreka TX farán un concerto especial con proxeccións do seu proxecto Nömadak e das súas experiencias coas txalapartas de xeo na xeografía saami de Laponia.
Cada unha destas propostas para todo o público están acompañadas dunhas sesións paralelas moi especiais para a xente miúda. Co propósito de animar e facilitarlles ás familas enteiras a conciliación e a conversa familar sobre o cambio climático, o centro de ocio Con Sentidiño preparou especificamente 4 sesións: “Pegada ecolóxica”, “Creación dun captador de partículas”, “O lixo como vehículo artístico” e “As instalacións artísticas do xogo”. Sesións nas que o público máis novo gozará á que o fai o público adulto na sala contigua.
Píllara é un proxecto do Concello de Ribadeo, que conta co apoio da Área de Mocidade da Deputación de Lugo e a colaboración dos 4 centros educativos da vila: CEIP Gregorio Sanz, Colexio Sagrado Corazón, IES Dionisio Gamallo e CIPF Porta da Auga. Unha produción de Miraquenvén, do artista Mano Panforreteiro.