As achegas van dirixidas a favorecer a posta en marcha, a mellora e a activación de negocios constituídos por mulleres, así como medidas complementarias para facilitar a conciliación ou acceder a servizos de asesoramento
Lugo, 27 de marzo de 2023. A Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade apoiou o ano pasado na Mariña 20 iniciativas empresariais constituídas por mulleres a través do programa Emega de emprendemento feminino. As achegas suman 222.000 euros e chegaron a nove concellos da zona.
O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, explica que a convocatoria de 2022 axudou a crear ou consolidar 27 postos de traballo femininos na Mariña, 20 por conta propia e sete por conta allea. Do total, 19 son de nova creación e 8 son empregos que se manteñen.
En canto á distribución das achegas, Viveiro suma sete negocios beneficiarios; Ribadeo catro; Ourol e Foz dous respectivamente; e Burela, Cervo, Mondoñedo, A Pontenova e Xove un cada un. No conxunto da provincia, a Xunta apoiou 57 iniciativas empresariais de mulleres con achegas que suman 709.000 euros e chegan a 28 concellos.
Os proxectos na Mariña abranguen ámbitos moi diversos, como un centro de atención á infancia e ás familias; locais de hostalería; unha escola infantil; servizos de construción, nutrición, confección, estética, desenvolvemento rural, fotografía ou tatuaxe; ensinanzas deportivas e comercios de roupa e artesanía, entre outros.