A Xunta de Galicia vén de renovar o convenio coa CEL para darlle continuidade a este programa cun orzamento de 160.000 euros
Chantada, 17 de marzo de 2023. O vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, destacou hoxe que a posta en marcha do programa Conecta Lugo, que a Xunta de Galicia desenvolve en colaboración coa Confederación de Empresarios de Lugo (CEL), está favorecendo que sexan máis as empresas da provincia que se presentan ás convocatorias de axudas da Administración autonómica.
Conde visitou hoxe en Chantada un obradoiro sobre innovación para pemes que se celebrou no marco desta iniciativa que ten como obxectivo achegar ás empresas luguesas información e asesoramento sobre o mapa de axudas da Xunta de Galicia, así como a organización de xornadas de divulgación e foros sectoriais. Para iso, lembrou que a Confederación de Empresarios de Lugo abriu dúas oficinas de información en Ribadeo e Monforte de Lemos para poder ter presenza física en varios puntos da provincia e facer efectivos os servizos do Conecta Lugo.
Como balance do primeiro ano deste programa, precisou que a provincia de Lugo acapara un 24,3% do total das solicitudes recibidas na Administración autonómica (xestionadas pola Axencia Galega de Innovación e polo Igape) de empresas de toda Galicia; case dez puntos máis con respecto a 2021 e das que resultaron aprobadas ata case un 18% máis.
En base a estes bos datos, o vicepresidente económico explicou que a Xunta de Galicia vén de renovar o convenio coa Confederación de Empresarios de Lugo para darlle continuidade a este programa cun orzamento de 160.000 euros. As novidades, ademais de que se manteñen as oficinas de Ribadeo e Monforte de Lemos, están, fundamentalmente, na axenda de actividades que se van realizar este ano, que fan máis fincapé no sector da innovación.