Site icon Crónica3.com A Mariña

O Presidente supervisa o resultado das melloras en tres estradas de Barreiros, onde a Deputación investiu 150.000€

A institución provincial acondicionou varios quilómetros da LU-P-0605 e a LU-P-0606, que parten as dúas da Nacional 634 e que conectan coa Casa de Otero e con Pedregás, respectivamente; e a LU-P-0607, que vai de Benquerencia ata a praia de Fontela

Lugo, 27 de marzo de 2023. O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, vén de supervisar o resultado dos traballos en tres estradas do concello de Barreiros nos que a institución provincial investiu 150.000€. Concretamente, as obras afectaron a varios quilómetros da LU-P-0605 e a LU-P-0606, que parten as dúas da Nacional 634 e que conectan coa Casa de Otero e con Pedregás, respectivamente; e a LU-P-0607, que vai de Benquerencia ata a praia de Fontela.

“Esta é unha mellora moi importante para Barreiros, pero tamén para toda a comarca, polo que supón para as comunicacións no norte da provincia. Temos que pensar que estas tres estradas, dúas delas provinciais e outra municipal, son moi transitadas durante todo o ano, pero con especial incidencia durante o verán, porque dan servizo á costa”, explicou José Tomé. Engadiu o mandatario provincial que con estas actuacións, a Deputación mellorou notablemente as condicións de seguridade e comodidade dos usuarios e usuarias.

Na LU-P-0605, as obras afectaron desde o inicio da vía ata o punto quilométrico 1,2; ao tramo que vai desde o punto quilométrico 0,473 ao 0,707 da LU-P-0606; e aos primeiros 2 quilómetros da LU-P-0607. Os traballos consistiron na apertura de cunetas, pavimentación e sinalización horizontal mediante marcas reflexivas brancas.

Esta obra enmárcase dentro das liñas de actuación prioritarias da Deputación. De feito, o investimento en estradas subiu un 30% no que vai de mandato, pasando dos 14,2M€ consignados no 2019 aos 18,3M€ deste ano, co obxectivo de conservar e mellorar a rede viaria provincial, a máis extensa de todo o Estado e tres veces maior ca da Xunta en Lugo.

2,5M€ para Barreiros

Desde o inicio do mandato, a Deputación de Lugo dedicou máis de 2,5M€ para dotar de máis e mellores servizos ós veciños e veciñas de Barreiros. Boa parte destes recursos económicos achegados pola institución provincial, máis de 1M€, foi destinada a dotar de novas infraestruturas ao concello. Mellorar as estradas provinciais, as políticas sociais e o fomento do emprego foron outras áreas cun peso específico importante.

Exit mobile version