A institución colabora un ano máis coa celebración desta mostra, nesta ocasión cunha achega de 8.000€ e a cesión de dúas xatas da Granxa Gayoso Castro para premiar aos gandeiros e gandeiras participantes
José Tomé felicitou a toda a organización, “aos de antes e aos de agora”, por un traballo “ben feito”, que é o que “nos permite que hoxe poidamos estar aquí nunha nova edición da MOEXMU, ás portas do seu 40 aniversario”.
A Deputación colabora un ano máis con esta cita, nesta ocasión cunha achega económica de 8.000€ para a súa organización e coa cesión de dúas xatas da Granxa Gayoso Castro, que se entregarán no concurso que se celebrará o domingo como premio aos gandeiros e gandeiras participantes.
O mandatario provincial recalcou que a MOEXMU “demostra ben algo do que estamos convencidos na Deputación. O rural non está baleiro, senón cheo de recursos, de ideas, de iniciativas, de capacidade, sobre todo en torno ao noso sector primario, que é un dos grandes músculos da nosa economía”. “O que fai falta é apoio e políticas públicas adecuadas e suficientes para saír adiante”, motivo polo que, explicou o Presidente, “dentro das nosas posibilidades, o apoio ao sector primario é unha prioridade para a Deputación, con moi diversas medidas, como é, por exemplo, colaborar coa organización da MOEXMU, así como con outras iniciativas do tecido asociativo e produtivo da nosa provincia”, afirmou.
Lembrou tamén neste sentido que a Deputación conta coa Granxa Gayoso Castro, situada en Castro de Ribeiras de Lea. “Un centro público, no que desenvolvemos un importante labor de apoio á actividade agrogandeira para a recría de becerras frisonas e de raza rubia galega, e no que funciona tamén unha Granxa Experimental de Leite, a primeira das súas características en toda Galicia, porque une formación e investigación universitarias ó servizo dos gandeiros e gandeiras con explotacións lácteas”, detallou José Tomé.
Unha oferta “completa e atractiva”
O Presidente salientou a oferta “completa e atractiva” da cita, vencellada coa agricultura e gandería, pero tamén con expositores de artesanía, produtos agroalimentarios e de maquinaria agrícola ao longo dos 25.000 metros cadrados dos que dispón a mostra. O programa contempla a celebración da 37ª edición do Concurso de Gando Frisón e a Exposición de Raza Rubia Galega e da 27ª Poxa de Gando Selecto. Así mesmo, este venres celebrouse o concurso de xóvenes preparadores e o domingo terá lugar o certame de xóvenes manexadores. Tamén se poderá visitar unha exposición fotográfica sobre o porco celta, Crónica da pegada do porco celta, cedida por ASOPORCEL e que se poderá ver na antiga escola de Muimenta.