Site icon Crónica3.com A Mariña

O Presidente da Deputación asistirá á toma de posesión de Gómez Besteiro como Delegado do Goberno en Galicia

José Tomé Roca acompañará ao ex presidente da institución provincial lucense nun acto que se celebrará o luns no Palexco coa presenza de ministros e outras autoridades galegas e estatais

Lugo, 31 de marzo de 2023. O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, asistirá o vindeiro luns, día 3 de abril, na Coruña, á toma de posesión de José Ramón Gómez Besteiro como Delegado do Goberno en Galicia, un acto que se celebrará a partir das 13.00 horas no Pazo de Exposicións e Congresos da cidade herculina coa presenza do Ministro de Sanidade e anterior responsable da Delegación, José Miñones, e a Ministra de Política Territorial, Isabel Rodríguez, entre outros representantes institucionais galegos e estatais.

José Tomé Roca, tamén Alcalde de Monforte e Secretario Xeral dos socialistas na provincia, acompañará este día a quen fora Presidente da Deputación de Lugo “durante unha etapa na que liderou a modernización da institución, abríndoa á cidadanía e poñéndoa a disposición do desenvolvemento da provincia”.

O mandatario provincial desexoulle “sorte e éxitos” na súa nova responsabilidade como Delegado do Goberno, despois “dos sete anos de calvario que lle fixeron pasar”, e mostrouse convencido de que fará “un excelente labor en defensa de todos os galegos e galegas” pola “súa gran capacidade e valía”.

José Ramón Gómez Besteiro tomará posesión do cargo este luns tras ser designado o pasado martes polo Consello de Ministros como Delegado do Goberno en Galicia, tomando o relevo de José Miñones, que asumiu a carteira do Ministerio de Sanidade.

Exit mobile version