A coordinadora de promoción local di: “xa non queda moito para as vindeiras eleccións e a partir do 4 de abril entramos nese período de sombra no que xa non se pode inaugurar nada. E agora veñen a inaugurar obras sen rematar. Pero claro, como rematada non teñen ningunha obra, teñen inauguralas sen rematar”. Saiz subliña as promesas baleiras feitas polo goberno provincial en materia de estradas: “En catro anos non deron rematado a ponte da estrada de Vilela, esperaron tanto que chegan as eleccións e aínda está sen facer. Iso si, vimos ao presidente ben rodeado para sacar a foto, o que non vimos nin escoitamos foi un compromiso pola súa parte coa rede de estradas provinciais da súa competencia en Ribadeo”.
Desde o grupo municipal popular destacan que “tampouco se dixo nada de continuar co pavimentado pintado ata Vilela, nin escoitamos nada de Piñeira, Santalla ou da Devesa”. Ademais os populares resaltan a actitude do goberno do BNG, pois “non escoitamos tampouco esixirlles á Deputación de Lugo e ao seu presidente o compromiso coa rede de estradas. Raro nos parece que non teñan enviado algunha carta esixindo responsabilidades.”
A REDE DE ESTRADAS PROVINCIAIS, COMPETENCIA DA DEPUTACIÓN
O organismo provincial ten como competencia a atención todo tipo de incidencias que se producen nas súas estradas a calquera hora do día e calquera día do ano, desde as provocadas polas inclemencias meteorolóxicas, como nevadas e xeadas, ata desprendementos de terra ou danos provocados na vía por accidentes de tráfico.
Ademais, o servicio de vías e obras ten encomendada a xestión desta rede de estradas comprendendo tarefas de formación e actualización do inventario da rede, a redacción de proxectos de obras de construcións de novas estradas e de mellora de trazado, rehabilitación de pavimento e sinalización das existentes, así como actuacións para a conservación e reparación das vías que así o necesiten.
Por iso mesmo, desde o grupo municipal popular están fartos de que actúen prometendo para logo non facer nada. “ Non nos sorprendería que nos próximos días continúen coa promesa da estrada en Arante. Xa perdemos a conta das veces que prometeron e non fixeron nada. Isto non indica traballo, o que indica é un nerviosismo e desesperación evidente que os conduce a reunirse para supervisar unhas obras a modo de inauguración que non están rematas e prometer centos de veces o acondicionamento e arranxo das estradas das que teñen a competencia e que ao final non se vai a facer.”