Site icon Crónica3.com A Mariña

O PP logra no pleno da Deputación o compromiso de celebrar novas reunións para resolver os problemas laborais no Consorcio de bombeiros

No PP desexan que “canto antes se solucionen estes problemas laborais nun colectivo que fai un traballo excepcional”

Lugo, 28 de marzo de 2023. Un dos servizos públicos máis apreciados no territorio lucense é o dos bombeiros do Consorcio Provincial, que manteñen unha táboa reivindicativa para mellorar as súas condicións laborais. Hoxe, indirectamente, escoitouse a súa voz no pleno da Deputación, no debate da moción presentada polo grupo do PP, precisamente para dar visibilidade a estes problemas e tratar de abrir camiños para a súa solución.

O portavoz popular na Deputación, Javier Castiñeira, sinalou ao final do pleno, ao que asistiron numerosos bombeiros: “No día de hoxe o grupo provincial do PP de Lugo deu voz ás peticións dos bombeiros do Consorcio Provincial. E estamos contentos, por un lado, porque o presidente da Deputación de Lugo anunciou novas reunións para intentar resolver os problemas, que era un dos obxectivos desta moción. Por outro lado, non entendemos o voto en contra da moción”.

Castiñeira explica: “O grupo provincial do PP fixo posible que se debatera esta moción, cumpriu co seu compromiso cos bombeiros e desexamos que canto antes se solucionen estes problemas laborais nun colectivo que fai un traballo excepcional, co que todo o mundo está contento nos diferentes concellos; non queremos que a actual situación vaia a máis e poida levar a un peor servizo, o cal sería preocupante”.

Exit mobile version