Os populares denuncian que Cajoto tamén tiña sen pagar as axudas ao transporte escolar correspondentes ao ano 2021
Foz, 31 de marzo de 2023. A falta de poucas semanas para a celebración das eleccións locais póñense cada vez máis de manifesto as deficiencias da xestión do goberno presidido polo socialista Fran Cajoto. O portavoz popular, Javier Castiñeira, explica que “no día de onte puidemos coñecer que o equipo de goberno do Concello ten sen pagar aos clubs deportivos máis de 244.000 euros das subvencións correspondentes ao ano 2021”. Este feito reflicte claramente “a desidia, do goberno que, hai que lembrar, é o máis amplo que nunca tivo este concello, con 10 concelleiros”.
Unha vez máis queda de relevo o deixamento absoluto do goberno encabezado por Cajoto e “a súa falta de compromiso co deporte deste concello, do que podemos estar orgullos”. Os populares destacan a resiliencia do deporte focense “fronte a un goberno que non está comprometido, como o proba que leva dous anos sen pagar as subvencións que lles corresponden”.
No pleno víronse máis mostras da incapacidade de xestión de Cajoto e do seu equipo. Castiñeira sinala: “Dentro das aprobacións de pagos figuraba tamén algo que nos sorprendeu: o pagamento das axudas ao transporte escolar do 2021”. Engade: “Temémonos que moitos dos estudantes que solicitaron esas axudas, porque lles correspondían e que ata agora non cobraron, xa deixaron de estudar, polo que o efecto das axudas non é o desexado inicialmente”. É, di Castiñeira, “unha nova mostra do pasotismo do señor Cajoto, e do BNG, como responsable da área de deportes”.
Os populares esixen que “canto antes, unha vez aprobadas, pague esas axudas, porque son axudas ao funcionamento diario, necesarias para que os equipos poidan desenvolver a súa actividade e para que teñamos deporte local, afeccionado en Foz”.