No Partido Popular indican que o Concello, dado que se trata dunha emerxencia, debe actuar de oficio e, unha vez que coñeza ao propietario da finca, pasarlle a factura
Viveiro, 14 de marzo de 2023. A estas alturas, ninguén ten dúbida da falta de capacidade de xestión do goberno de Viveiro, en xeral, e de maneira especial da alcaldesa, María Loureiro (PSOE). A falta de xestión prexudica aos veciños en todos os ámbitos, pero cando as circunstancias son especiais, incluso xeradoras de potenciais riscos, e o goberno non actúa, ou é tan ineficaz que é como se non actuara, entón o problema vólvese moi grave. Así o indican no PP á vista de que o Concello non é capaz de actuar para remediar o problema que viven os responsables do restaurante Áncora de Celeiro. Un corremento de terra, procedente dun talude próximo, acumula toneladas de terra contra unha parede do edificio, de maneira que temen que poidan acabar caendo. O portavoz municipal do PP, Óscar Rodríguez, anuncia a presentación dunha iniciativa no próximo pleno para conseguir que o goberno local dea explicacións da súa falta de eficacia na xestión deste caso.
Os populares consideran inaceptable que dende o equipo de goberno do Concello se dea como escusa o feito de non localizar aos propietarios do terreo no que ocorreu o desprendemento. Din nesta liña que o Concello non ten que esperar a coñecer aos propietarios, porque pode actuar de oficio, e máis nun caso como este, no que a presión da terra pode poñer en perigo a estabilidade dunha das paredes do edificio. Por outro lado, indican que o Concello pode actuar por vía de emerxencia e subsidiaria, é dicir, asume os gastos da retirada da terra e, cando se coñeza de quen é o terreo, pásalle a factura.
No PP local critican a falta de acción por parte do goberno local, pese a existir, potencialmente, un risco e, en todo caso, danos para a economía do negocio, que, debido á acumulación de terra contra a parede, ten que manter pechado o comedor do restaurante.
Os populares anuncian a presentación dunha iniciativa para a súa inclusión na orde do día da próxima sesión plenaria, coa intención de que o goberno local explique que medidas tomou neste asunto e por que o Concello non actúa de oficio para retirar a terra acumulada contra o edificio do citado restaurante.