O portavoz popular, Javier Castiñeira, di que “o Entroido de Foz segue sendo un dos mellores de Galicia e estou seguro de que neste ano será Festa de Interese Turístico Galego”
Castiñeira sinala: “O grupo municipal do PP de Foz expresa o seu agradecemento a todas as comparsas, grupos, peñas e asociacións que fan posible o Entroido de Foz, no que cada vez hai máis nivel, moitísima participación e creatividade”. Indica que “hai cousas que mellorar pola organización, pero o Entroido de Foz segue sendo un dos mellores de Galicia e estou seguro de que neste ano será Festa de Interese Turístico Galego”.
O portavoz popular di que conseguir a citada declaración é algo no que levan traballando “dende hai moito tempo, sempre con ese afán de mellora que tivemos no Entroido de Foz”. Merece -di- “ser Festa de Interese Turístico Galego, xa que é unha festa que interesa a moitísima xente, aos moitos que nos visitan para disfrutar deses días, dende a Festa de Coronación, que é un dos actos máis importantes, ata a Queima, que este ano o equipo de goberno decidiu non facer”
Castiñeira afirma que “o Entroido de Foz está nun nivel magnífico e será Festa de Interese Turístico Galego, porque o merece e porque levamos moitos anos traballando para conseguilo”. Expresa os seus parabéns anticipados a todos e anima “a seguir entusiasmados con algo que forma parte do carácter do noso pobo: o Entroido de Foz”.