O portavoz popular, Javier Castiñeira, di que o propio goberno provincial deixou no pleno a foto fixa da súa xestión ao reclamar 22 millóns para unha estrada autonómica no Courel, que procede a reparar a Xunta, que é a mesma cantidade que dedicaron en todo o mandato aos 4.000 quilómetros de vías provinciais
O bigoberno intentou no pleno “culpabilizar á Xunta de Galicia e foi lamentable o espectáculo que vivimos onte, por exemplo, co debate que afectaba ao Courel”. Engade: “Os propios socialistas e nacionalistas dixeron que levan gastados 22 millóns de euros en catro anos na rede provincial (4.000 quilómetros), cantidade que é absolutamente insuficiente, e estaban pedindo un arranxo de 22 millóns de euros para unha estrada da Xunta”.
Castiñeira viu no pleno “incoherencias dun goberno que intenta tapar a súa ineficacia nun asunto importantísimo, que é competencia directa da Deputación, como son as estradas; intenta contraatacar e xustificar a Sánchez aínda que sexa de maneira case cómica”. Os populares din “ao goberno da Deputación de Lugo que pense nos veciños da provincia e que as estradas provinciais son moi necesarias para todos eles e, polo tanto, hai que gastar os cartos”. O que promete o PP é que cando chegue ao goberno esta competencia fundamental vai ser prioritaria; sen dúbida algunha as estradas provinciais teñen que mellorar porque esta foi unha lexislatura patética, na que estiveron e están abandonadas”.
Débeda co Courel
A alcaldesa do Courel, Lola Castro, na súa calidade de deputada provincial lamenta que o BNG, integrante do goberno da Deputación, propuxera, no pleno pasado, reclamar á Xunta as obras que xa están en execución na estrada autonómica LU-651. “O primeiro que me chamou a atención foi que intenten comparar as obras que o Goberno de Pedro Sánchez é incapaz de facer para reconstruír as pontes da A-6, no Castro, coas desta estrada autonómica, porque é claro que nada ten que ver unha vía coa outra. E tamén me chamou a atención que insistan en destacar a diferenza entre os orzamentos da Xunta e da Deputación; pois claro que son moito máis grandes os da Xunta, porque son para toda Galicia e as competencias son inmensamente máis grandes. E por outro lado, anteriores gobernos provinciais, con menos orzamento do que agora ten o señor Tomé, non só mantiveron en bo estado as estradas da Deputación, senón que abriron moitas outras novas”
Castro tamén destacou que a Xunta actuou en tempo récord para abrir unha alternativa cando se produciu o derrubo na LU-651, “e foi vital para facer fronte aos incendios do ano pasado”. A alcaldesa do Courel e deputada provincial sinala: “A Deputación, na LU-P 1301 fixo unha reparación que é unha verdadeira chapuza, en realidade non foi máis que un tinguido da calzada, que xa se está a borrar; nada fixo para ampliar o ancho desta estrada, na que dous vehículos grandes ou non se poden cruzar ou crúzanse con moitas dificultades”. Engade: “As estradas provinciais no Courel están feitas un desastre e iso é responsabilidade do presidente da Deputación”. Lamenta que o goberno provincial incorrese no debate en “falta de respecto” cara ela. “Moi mal deben ver a Pedro Sánchez cando ten que vir ao Courel Tomé a defendelo”, manifestou.