O portavoz popular na Deputación, Javier Castiñeiras, destaca os problemas dos alcaldes para conformar os seus proxectos para o Plan Único
Castiñeira sinala: “Os alcaldes da provincia resaltan as dificultades que tiveron este ano para conformar o Plan Único 2023, conxelado dende o ano 2021. Segundo nos di algún rexedor da provincia, facendo un símil doméstico, co Plan Único no ano 2021 enchías un carro da compra, agora colle todo nunha mesma bolsa, é dicir, poderase facer moita menos obra no 2023 que no 2021, posto que son os mesmos cartos e a inflación devaluou o Plan Único”.
O portavoz popular na Deputación explica: “Aos concellos pásalles como as familias: a día de hoxe, facer a cesta da compra e un auténtico suplicio se che conxelaron os ingresos. E iso é o que están facendo Tomé e Sánchez: trasladar a inflación aos concellos e aos veciños da provincia, que son os que acaban tendo que apertar o cinto”. Engade: “E iso que Sánchez e Tomé cada vez dispoñen de máis; no caso do presidente da Deputación de Lugo, con 18 millóns de euros máis de orzamento no 2023 que no 2021, Tomé encolleu a cesta da compra dos alcaldes, é dicir, o Plan Único, máis dun 30% , obrigando aos alcaldes a apertarse o cinto, o que significa investir menos nos seus veciños”.
Para Castiñeira, “o grave é que socialistas e nacionalistas, unha vez que repartiron o devaluado Plan Único 2023, por detrás danlle complementos aos seus alcaldes favoritos, como van facer cos máis de cinco millóns de euros que acaban de aprobar”. Os populares reiteran que ese cinco millóns deberían sumarse ao importe do Plan Único.
Os populares teñen claro “que Sánchez e Tomé conxelan a provincia de Lugo e isto non é como no conto de Disney, é unha realidade, é a crúa realidade de todos os lucenses”.