Site icon Crónica3.com A Mariña

O PP de Ribeira de Piquín advirte da falta de transparencia do goberno local

Os populares instan ao goberno socialista a corrixir esta irregularidade e cumprir o establecido na Lei de transparencia, acceso á información pública e bo goberno

Ribeira de Piquín, 1 de marzo de 2023. O PP de Ribeira de Piquín condena “a total falta de transparencia” do goberno local socialista; así coma “a falta de vontade do alcalde para dar explicacións” durante o último pleno en resposta ás preguntas do Partido Popular sobre este asunto.

Os populares pediron explicacións durante a sesión plenaria e o alcalde remitiunos ao portal de transparencia “que é inexistente” porque practicamente non contén información e a pouca que hai a disposición pública non está actualizada. É o caso da única documentación que recolle o Portal da Transparencia do Concello no apartado institucional; xa que se corresponde coa convocatoria dun pleno de abril do 2018.

Deste xeito, explican dende o PP local que “os veciños e veciñas non teñen á súa disposición a través de medios electrónicos copias das actas dos plenos nos que se debaten asuntos de importancia para o municipio”. Tampouco se recolle información económica nin presupostaria.

En xeral, a administración local non está a poñer a disposición dos veciños e veciñas información clara, estrutura e entendible nin a favorecerlles o seu acceso. É por iso polo que os populares instan a corrixir esta situación dando cumprimento ao que establece a Lei de transparencia, acceso á información pública e bo goberno.

“Non sabemos se é cuestión de falta de traballo ou de vontade por ocultar información, o que parece evidente é que o alcalde non cumpre a lei”, conclúen.

Exit mobile version