A proposta pretende cambiar a bocana da dársena augas arriba da ría para evitar os problemas de axitación
Castiñeira reseñou a importancia desta proposta de mellora da dársena deportiva da vila e mostrou a súa satisfacción polos avances realizados no deseño técnico dunha alternativa por parte de Portos de Galicia. En concreto, segundo trasladaron desde Portos de Galicia, a proposta pretende cambiar a bocana da dársena augas arriba da ría para evitar os problemas de axitación.
O alcaldable do PP, que asistiu á reunión acompañado polos representantes do Club Náutico e a asociación A Ribeira de Foz, celebrou así mesmo que a alternativa na que está a traballar o ente público inclúa tamén a ordenación de pantaláns, multiplicando o número de prazas dispoñibles. “O traballo da Xunta de Galicia a favor da remodelación de Porto Chico demostra o compromiso do Goberno do Partido Popular co porto de Foz”, subliñou e engadiu o seu agradecemento a Portos de Galicia polo compromiso inversor co municipio.