A proposta pretende cambiar a bocana da dársena augas arriba da ría para evitar os problemas de axitación
Foz, 28 de marzo de 2023. O candidato á alcaldía de Foz polo Partido Popular, Javier Jorge Castiñeira, mantivo na mañá de onte unha reunión de traballo coa presidenta de Portos de Galicia, Susana Lenguas, solicitada polo alcaldable para coñecer o estado de tramitación da proposta de alternativas para a remodelación da dársena de Porto Chico.
Castiñeira reseñou a importancia desta proposta de mellora da dársena deportiva da vila e mostrou a súa satisfacción polos avances realizados no deseño técnico dunha alternativa por parte de Portos de Galicia. En concreto, segundo trasladaron desde Portos de Galicia, a proposta pretende cambiar a bocana da dársena augas arriba da ría para evitar os problemas de axitación.
O alcaldable do PP, que asistiu á reunión acompañado polos representantes do Club Náutico e a asociación A Ribeira de Foz, celebrou así mesmo que a alternativa na que está a traballar o ente público inclúa tamén a ordenación de pantaláns, multiplicando o número de prazas dispoñibles. “O traballo da Xunta de Galicia a favor da remodelación de Porto Chico demostra o compromiso do Goberno do Partido Popular co porto de Foz”, subliñou e engadiu o seu agradecemento a Portos de Galicia polo compromiso inversor co municipio.