O encontro será inaugurado por Odete Alves, Conselleira da Embaixada de Cabo Verde; na clausura participará o deputado Francisco Pereira, que viaxa expresamente por este motivo
Por primeira vez na historia, o máis universal dos nenos cabo-verdianos vai falar en público no seu idioma propio: o cabo-verdiano, resultado da síntese do galego-português e das línguas africanas dos poboadores do arquipélago. As palabras do seu discurso foron preparadas para a ocasión por Edilson Sanches Tavares, estudante de Linguas Modernas na Universidade de Santiago, e por Noemy dos Reis Cardoso Borges, a estudante encargada de abrir o encontro poñendo voz a ese fragmento.
Despois dese momento cargado de simbolismo, interveñen na inauguración Odete Alves, da Embaixada de Cabo Verde, e Alfredo Llano, alcade de Burela. Finalizadas as palabras de saúdo e de explicación da actividade comezan as lecturas. Inmediatamente a seguir das autoridades políticas tomará a palabra o escritor Séchu Sende, estreitamente interesado na literatura africana desde a etapa da adolescencia; un grupo de alumnos e alumnas do Instituto Marco de Camballón, de Vila de Cruces; a politóloga Susana Basanta; Natalia Irimia, coordinadora do Equipo de Dinamización Lingüística do Instituto Perdouro; e o profesor Lourenço Gomes, da Universidade de Cabo Verde, que intervirá por videoconferencia.
Ao longo das case oito horas de lectura continuada haberá un auténtico rosario de momentos especiais. No tempo de recreo (ás 11 horas), a comunidade participante reunirase para facer unha fotografía para deixar constancia da feliz iniciativa que reúne persoas de todas as idades e de moi diversas procedencias nacionais e sociais. Por volta do mediodía o alumno Breogán Fernández Bouza cederá o testemuño a súa nai, a historiadora Lucía Bouza, que abrirá a participación das familias da comunidade escolar. Unha hora máis tarde o Chiquinho reunirá na mesma mesa o profesor Manuel Carreira, de Formación e Orientación Laboral, coa profesora de Linguas Clásicas Efigenia Maseda, que estará acompañada por varios alumnos e alumnas de orixe cabo-verdiana. Por volta das 13:30 será o momento da participación de representantes de dous novos países: Arxentina e Portugal. A sesións da mañá terminarán coa participación do biólogo Fernando Losada, con longa traxectoria en programas de radiodifusión comunitaria, e a escritora cabo-verdiana Amália Faustino, inspectora educativa xa xubilada, que intervirá desde Lisboa.
A lectura continuada non terá pausa. Entre as 14:00 e as 15:00, durante a hora do almorzo de irmandade, chega o momento da emisión de vídeos. Abren esta sesión Christian Salles, do Río de Janeiro, un historiador brasileiro moi activo nas redes de comunicación no espazo galego-lusófono e con longa traxectoria de colaboración coa intervención educativa Modelo Burela; e a profesora e escritora Laura Ramos Cuba, formada nas aulas do Instituto Perdouro. A seguir farán a lectura docentes e estudantes do Instituto do Barral (Ponteareas), da escola de Fondo-Nois (Foz), do Instituto Gamallo Fierros de Ribadeo; e da Escola Oficial de Idiomas de Lugo.
Como a “alimentación espiritual” é absolutamente compatíbel coa “alimentación material” -especialmente se está ben cociñada-, a comunidade que participa presencialmente terá a oportunidade de compartir un almorzo preparado para a ocasión por Fernando Quelle Cordido, que participará na lectura no primeiro momento da tarde.
Outro dos momentos especiais producirase ás 15:00 horas. Será o momento en que o Chiquinho reúna na mesma mesa dúas autoridades da cultura en Burela: Rocío Rivera Seara, da Asociación Cultural Ledicia; e Antonina Semedo, unha das fundadoras de Batuko Tabanka. Uns minutos máis tarde, tomarán a palabra a estudante Noa Castro, de 3º de ESO, integrante do Clube de Teatro de Barreiros, e Albano González Cancio, historiador e impulsor da asociación musical Dambara. Nesa mesma hora compartirán lectura Moustaphá Sarr, orixinario do Senegal, e a educadora social Alba Fernández, impulsora do café e sala cultural “A Sacabeira”, onde destaca unha grande pintura mural que se converteu nun símbolo icónico da convivencia entre culturas.
Para entre as 4 e as 5 da tarde está prevista a participación doutras 27 persoas. Xunto a Karina Parga, coordinadora da biblioteca do Instituto Perdouro e unha das integrantes da organización, estarán varios estudantes que mostraron disposición para colaborar fóra do horario escolar; a dinamizadora cultural Dolores López Caión, o concelleiro Mario Pillado, as responsábeis dos servizos sociais municipais (Noelia Legaspi, educadora familiar; e Conchi Pernas, da área de inmigración), o empresario Ignacio Expósito e o fotógrafo Eduardo de Martís, director da iniciativa Galicia Latente. Por volta das 16:30 horas compartirán mesa a futbolista Jozie, do Burela FS, e a concelleira de Inmigración Noelia Ben.
Na abertura do bloque final intervirá o cineasta Matías Nicieza, que dará paso a Ligia Borges (da Escola Oficial de Idiomas de Mérida), o académico Ramón Reimunde, o editor Francisco Macías (director de Edicións Positivas) e en representación da USC as profesoras Helena González e Felisa R. Prado e Elías Torres, decano de Filoloxía. As dúas últimas lecturas serán as de María José Pardiñas, directora do IES Perdouro, e Francisco Pereira, deputado do Parlamento de Cabo Verde.