Julio Torrado alerta de que os encoros se baleiran por decisión única das empresas eléctricas en función do seu beneficio económico
Santiago de Compostela, 14 de marzo de 2023. O vicevoceiro do grupo socialista, Julio Torrado, propuxo este martes na comisión de pesca a creación dun protocolo que regule o baleirado dos encoros, en especial os que afectan ás rías de Arousa e de Muros e Noia, que estableza distintos criterios que protexan a produción marisqueira.
O socialista trasladou á comisión de pesca do Parlamento unha reclamación “histórica” do sector do marisqueo e discutida en moitas ocasións na cámara galega, pero ao que a Xunta non deu solución algunha durante todos estes anos. Torrado expuxo datos que acreditan a crise que está a pasar este sector cunha caída do permex, pasando de 6.500 no 2009 a menos de 4.000 na actualidade, a pesar de que Feijóo prometeu chegar aos 8.000, e unha caída produtiva dos quilos recollidos de todas as especies.
Advirte de que un dos aspectos que provoca isto son os cambios bruscos de salinidade que empeoran a calidade do produto ou incluso fai que morran estes moluscos. Isto, sinala, débese en ocasións a choivas torrenciais, pero tamén aos baleirados masivos dos encoros por parte das empresas eléctricas.
En concreto levou á cámara a situación do marisqueo na ría de Muros e Noia e na ría de Arousa, dúas das máis fértiles en canto a produción que se ven afectadas por baleirados dos encoros do Tambre e do Ulla, respectivamente. No caso do primeiro, incluso teñen denunciado que “pola forza coa que baixa a auga pode chegar a poñer en risco ás persoas que están traballando”.
Alertou de que na actualidade, o baleirado dos encoros depende unicamente da decisión das empresas eléctricas, que actúan en función do seu beneficio económico. Por iso, esixía a creación dun protocolo tendo en conta que “os encoros están dentro dun contexto e xestionan un ben común”.
Neste senso, Julio Torrado reclamou que deben incorporar no protocolo aspectos como o nivel das mareas, proxección posibles chuvias, os tempos de marisqueo ou non estirar ata o máximo a capacidade dos encoros para que a descarga tralo baleirado non sexa tan violenta.
Ante o voto negativo dos populares que impediu a aprobación desta iniciativa, reprochoulles que neguen a “evidencia” de que hai “menos permex, menos quilos e menos cartos” para xustificar a súa defensa das eléctricas e que “baleiren os encoros como lles pete”, concluíu.