Patricia Otero acusa á conselleira de Igualdade de “empecinarse” fronte a este órgano logo dun ano de telo aprobado no Parlamento “por non ter un mal titular e despois esquecelo”
Santiago de Compostela, 8 de marzo de 2023. A portavoz de Pesca do Grupo Socialista, Patricia Otero, esixiulle hoxe á Xunta que cumpra cos xa ata 3 acordos parlamentarios que veñen sendo aprobados dende hai un ano para a constitución do Observatorio da Igualdade de xénero no sector pesqueiro. A responsable socialista presentou unha interpelación para afearlle á conselleira de Igualdade que ofreza “moi boas palabras” pero ningún paso adiante.
A parlamentaria socialista enfrontou á conselleira coa realidade deste incumprimento, e lamentou o “empecinamento” fronte a esta petición que parte da única organización feminina de ámbito autonómico no sector do mar, Mulleres Salgadas. Mentres a conselleira anunciaba que este órgano figuraría na Lei de Igualdade que a Xunta leva un ano prometendo, Otero replicoulle que o que figura no anteproxecto da Lei é o Estatuto da Muller Rural e do Mar, e non o Observatorio.
Reivindicou a constitución deste organismo tal e como está a pedir a asociación, “con persoal técnico que permita avaliar os datos e as dificultades coas que se atopa as mulleres do mar e a continuación poder facer propostas”. Advertiu que “o que non se mide non se pode corrixir”, polo que considera “fundamental ter datos para saber das deficiencias, poder presentar propostas e darlle solucións aos problemas das mulleres do mar”.
Puxo en dúbida o compromiso do goberno galego con estas mulleres, ás que lles negan a entrada no Consello Galego da Peca, e ás que ofrecen acordo “por non ter un mal titular mañá na prensa, pero despois esquecen e abandonan as políticas” para as mulleres da pesca.
Lembrou así a infrarrepresentación das mulleres nos órganos directivos e representativos do sector, que pasaron de presidir 5 confrarías a tan só 3 logo do último proceso electoral interno. Lembrou que 3 de cada 4 persoas que se dedican ao marisqueo son mulleres, o sector da acuicultura conta con máis de 1.200 mulleres, as traballadoras das empresas da transformación do mar teñen un 70 por cento de mulleres, con casos que aumentan ata o 96 por cento.