A subdelegada do Goberno sinalou como este programa é un exemplo máis do compromiso do Goberno de Pedro Sánchez pola cohesión territorial e pola dixitalización do mundo rural. Únese a outras iniciativas que xa están en marcha e que teñen por obxecto garantir as mesmas oportunidades e servizos nos pequenos municipios.
Isabel Rodríguez detallou que este compromiso comprende a dotación de tecnoloxías de acceso a internet, a través do programa UNICO-Banda Ancha de extensión de fibra óptica, e o máis recente UNICO-Demanda Rural, de acceso por satélite en zonas remotas.
A este impulso tecnolóxico únese o esforzo para capacitar á poboación destas zonas no uso das ferramentas dixitais, como o fai Ineco con Rural TIC. Neste ámbito, a subdelegada tamén destacou o programa “A Administración Preto de ti”. A través deste programa, persoal da Subdelegación do Goberno percorre os municipios de Lugo formando á súa cidadanía nos servizos dixitais da Administración do Estado.
Durante o encontro, o presidente de Ineco destacou que, grazas a estas Rural TIC, “Galicia ten a oportunidade de experimentar unha iniciativa innovadora que tamén pretende conectar a persoas e lugares, a través dun programa corporativo que dá conta do noso posicionamento relevante en transformación dixital e tamén do noso compromiso coa localización territorial descentralizada dos nosos equipos”. E subliñou que esta nova faceta únese á ampla experiencia de Ineco no desenvolvemento das infraestruturas ferroviarias, portuarias e viarias impulsadas polo Ministerio de Transportes na comunidade.
Experiencia en Trabada
Pola súa banda, a alcaldesa de Trabada agradeceu aos nómades dixitais de Ineco, Eduardo Correa e Esther Ros, a dedicación e profesionalidade que demostraron nos talleres que se impartiron durante a súa estancia no municipio. Nestes talleres, máis de 15 veciñas e veciños tiveron a oportunidade de aprender sobre as posibilidades que o mundo dixital ofrece ao medio rural, como o uso de apps de distintas administracións, o manexo da banca dixital ou o uso de mensaxería Instantánea e correo electrónico entre as persoas de maior idade. En paralelo, impartiron talleres de ciberseguridade e pegada dixital, a menores. Estas actividades impartíronse na Casa da Cultura de Trabada.
A dixitalización tamén ten unha parte económica, dirixida á formación en novas tecnoloxías a empresas destes concellos. No caso de Trabada, o persoal voluntario do Ineco apoiou ao proxecto de distribución de produtos de parafarmacia nesta localidade, que permitiu aos seus emprendedores dispoñer da imaxe de marca, das ferramentas e do coñecemento necesario para poñelo en marcha.
Os outros concellos xa involucrados no programa – Cerdido (A Coruña), Porto do Son (A Coruña), A Pobra de Trives (Ourense) e Parada de Sil (Ourense) -, xunto aos dous que se incorporarán nas próximas semanas – Carballeda de Avia (Ourense) e A Gudiña (Ourense) –, posicionan a Galicia como unha das tres Comunidades Autónomas con máis municipios rexistrados nesta iniciativa, xunto a Andalucía e Castela e León. Un total de 13 nómades dixitais de Ineco compaxinan a súa xornada laboral a través da formado de teletraballo á vez que dan apoio aos habitantes destes pequenos municipios no uso e oportunidades que achegan as novas tecnoloxías.
Un programa innovador con dobre beneficio
Ineco desprega con este programa máis de 100 nómades dixitais a 55 municipios de 15 provincias españolas para, a través da fórmula do teletraballo, asentarse temporalmente no territorio e dedicar parte da súa xornada laboral á dixitalización social e económica do municipio no que se atopen.
Ata a data, máis de 24 municipios contaron coa presenza, durante dúas semanas, dos empregados de Ineco participantes neste programa, no que perfís profesionais como enxeñeiros, especialistas en TIC ou informáticos desenvolven talleres formativos dirixidos á poboación e ao tecido empresarial da zona; ademais de poñer en marcha diversas iniciativas para aumentar a visibilidade destes municipios e a súa riqueza cultural e turística.
Ineco RuralTIC tamén é unha oportunidade para dinamizar o medio rural xa que ofrece aos nómades dixitais a experiencia de coñecer e descubrir o inmenso patrimonio cultural e natural que atesouran os pequenos municipios. Así, puideron comprobalo os primeiros 44 nómades dixitais de Ineco que desde novembro percorreron con este programa diferentes municipios de Galicia, Asturias, Andalucía e Castela e León.
Sobre Ineco
Enxeñería e consultoría de referencia no ámbito da mobilidade sostible e a transformación dixital, Ineco leva máis 50 anos deseñando solucións integrais, innovadoras e tecnolóxicas que contribúen de maneira directa na mellora da calidade de vida de millóns de persoas.
Cun equipo multidisciplinar de máis de 5.000 profesionais, a empresa está presente en todos os continentes onde desprega a súa experiencia e capacidade para afrontar traballos tecnicamente complexos grazas ao seu coñecemento especializado e á aplicación da tecnoloxía máis avanzada e vangardista.