O rexedor contou que “nas últimas horas reunímonos o comité executivo de Expomar, xa que nos estamos achegando á data da feira exposición, que será do 10 ao 13 de maio e temos que darlle prontitude e ir vendo e asegurando que sexa un evento de categoría tal e como se merece o sector náutico pesqueiro”.
Llano dixo que “estivemos a falar da inauguración, que será o 10 de maio ás doce do mediodía. Agardamos contar coa presenza da conselleira de Mar, Rosa Quintana, aínda que nos próximos días confirmaremos o peche de todos estes flocos. Tamén teremos ese mesmo día xuntanza do Consello Galego de Pesca, que sempre é importante que veñan aquí a debater e a formar parte deste ambiente da Feira Expomar. O 11 de maio será o Encontro Empresarial, onde o sector se manifesta e se ven os temas que lles preocupan. Sempre é moi interesante o seu debate así como as conclusións finais que sacan para ter en conta para o futuro”.
O presidente da Fundación Expomar e alcalde burelés seguiu a relatar que “ese mesmo día teremos tamén a primeira xornada técnica na que se abordarán temas que lle interesan moito ao sector, agora mesmo estamos definindo e vendo os poñentes para que sexa o máis completa e interesante posible. O 12 de maio será a segunda xornada técnica, na que hai temas máis abertos, máis de interese para a poboación en xeral”.
Alfredo Llano engadiu: “xa temos practicamente ultimada a colocación dos stands. Neste ano hai unha ampliación da superficie destinada á feira nuns 800 metros con respecto ao que é a nave de redes, imos darlle amplitude á Feira Expomar neste 2023 para facilitar que asistan máis empresas e representantes do sector náutico pesqueiro. Como na edición de 2019, que foi a última, xa vimos que o éxito foi tan importante e que moitas firmas se comprometeron a volver e quixemos así con esta ampliación que sexa un escaparate extraordinario para expresarse. En total estamos a falar duns 5.000 metros de superficie destinado á Feira Expomar e agardemos que dea un bo resultado”.
O alcalde de Burela engadiu: “quedamos en manter unha nova xuntanza do comité executivo de Expomar cara finais de mes, o 27 ou 28 de marzo, para pechar os detalles, concretar os temas que se abordarán nas xornadas técnicas e que todo estea listo”.