Viveiro, 2 de marzo de 2023. O Concello de Viveiro asinou un convenio de colaboración coa Fundación Seur para colaborar no proxecto solidario “Tapones para una nueva vida”.
Viveiro súmase así á iniciativa que se iniciou a finais do ano 2011 e que promove a recollida de tapóns de plástico cun dobre obxectivo: ofrecer unha nova oportunidade a nenos e nenas de ata 18 anos que precisan de tratamentos excluídos da sanidade pública, e ao mesmo tempo reciclar plástico para que non acabe indiscriminadamente nos vertedoiros.
“É importante que todos colaboremos neste tipo de proxectos. Aplaudimos o labor que están a facer dende a Fundación Seur e animamos á veciñanza de Viveiro a que se sume tamén a esta gran tarefa de financiar o tratamento á nenos e nenas con enfermidades raras ou axudarlles na adquisición de materiais ortopédicos, que lles permitan paliar os seus problemas físicos”, subliña a alcaldesa de Viveiro, María Loureiro.
Para facilitar a colaboración dos veciños e veciñas coa Fundación Seur nesta iniciativa solidaria e medioambiental, o Concello de Viveiro colocou un contedor na planta baixa do concello no que se poderán depositar todos os tapóns.