Site icon Crónica3.com A Mariña

O Concello de Ribadeo presenta un proxecto para desconxestionar a praia das Catedrais ao programa extraordinario de plans de sostibilidade turística en destinos

Ribadeo, 8 de marzo do 2023. O Concello de Ribadeo presentou este luns a súa candidatura para o financiamento procedente dos fondos europeos Next Generation dun proxecto que pretende transformar e desconxestionar a contorna da praia das Catedrais e que implicaría un investimento de 2,5 millóns de euros, segundo deu a coñecer hoxe o concelleiro de Desenvolvemento Local e Turismo, Pablo Vizoso.

O edil ribadense explicou que “este proxecto comprende a realización de varias actuacións. A principal consistiría na posta en marcha do novo aparcadoiro, coherente co xa establecido no Plan Especial de Protección de As Catedrais, co obxectivo de aumentar a protección do espazo natural, de despexar o entorno da praia, crear un fluxo de vehículos adecuado e unha regulación propia do aparcamento. Sería un aparcamento con capacidade para acoller a unha media de 3.300 persoas diarias, dotado de control de acceso intelixente, con puntos de recarga para vehículos eléctricos e tamén cun sistema de alumeado alimentado con enerxía solar”.

Vizoso Galdo indicou que “adicionalmente contémplanse outras actuacións non menos importantes como a creación dunha área de acollida e recepción aos visitantes, a implantación dun sistema de intelixencia turística e a creación dun sistema de bicicletas eléctricas con estacións en Ribadeo, Rinlo e na propia praia das Catedrais. E hai unha terceira actuación máis relacionada coa dinamización económica, que consiste na creación dun sistema de fidelización asociado ao propio aparcamento de Augas Santas, para fomentar o gasto no comercio e nos establecementos locais co obxectivo de aumentar o impacto económico no resto do concello de Ribadeo, creado polas visitas á praia das Catedrais”.

O concelleiro de Turismo engadiu: “estimamos que esta convocatoria de axuda se resolva a primeiros do mes de maio e de resultar favorable suporía un revulsivo total para o turismo e para a actividade comercial de Ribadeo incrementando notablemente tamén a protección do espazo natural deste areal e a súa comprensión e o seu disfrute dunha maneira máis sostible e integral”.

Exit mobile version